29/11/09

Santos protectores: San Ramón Nonato.


Dentro da devoción popular, os santos protectores, como intercesores entre os humanos e Deus, eran invocados nos momentos de pánico, incerteza ou desacougo.. Algúns protexían o gando, outros favorecían amoríos, outros aplacaban tormentas... e San Ramón era o patrón das parturientes. A el pedíase axuda cando un parto se presentaba complicado.
A lenda conta que este santo, do S.XIII, naceu cando a súa nai acababa de morrer. Inspirado pola Virxe, ingresa na Orde da Merced, orde mariana dedicada a Santa María da Merced, en cuxo nome, os mercedarios realizaban o ministerio de redención, e que no contexto da época, na que os sarracenos eran unha ameaza no mundo cristián, orientábase ó rescate dos cristiáns cativos no Norte de África. Nesta tarefa, os mercedarios arriscaron a súa vida, e quedaban cativos como forma de pago cando non chegaban os cartos para liberalos. Nesta situación viuse San Ramón: preso en Alxeria comezou a predicar, convencendo por igual ós cristiáns cativos coma ós seus captores. Por este motivo perforáronlle os labios e llos pecharon cun cadeado.
Cando por fin regresa, é nomeado cardeal polo papa Gregorio IX, título que non chega a asumir, pois morre súbitamente. Pouco antes de morrer recibe de forma prodixiosa a Comuñón, pois non habendo ningún sacerdote presente, é o mesmo Xesús quen lla administra. En 1657, época na que o Vaticano "traballa duro en fabricar santos", é canonizado por Alejandro VII.
Coñecendo a historia é fácil entender os atributos iconográficos que o acompañan. As dúas imaxes que ofrecemos pertencen ás igrexas de Carballo (esquerda) e de Cotá (dereita). Os dous portan na man dereita a custodia, e na esquerda a palma do martirio, que indica vitoria. No caso do San Ramón da igrexa de Cotá, a palma leva tres coroas (non no caso de Carballo), que aluden á castidade, predicación elocuente e martirio. Visten o hábito branco da orde mercedaria, símbolo de pureza, completado coa muceta vermella cardinalicia (sobre a iconografía de San Ramón hai moitas variantes).
O San Ramón de Carballo parécenos de maior calidade e tamén máis antigo (probablemente de fins do S.XVIII). As proporcións son máis harmónicas, e a suave cadencia do contrabalanceo do corpo, xunto co minucioso traballo dos pregamentos da roupa, superan ó San Ramón de Cotá. Non sabemos de que época é este último, pois aínda agora se fan tallas semellantes, pero desde logo, eses brillos da pintura delatan unha técnica recente.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.