25/01/10

Toponimia de S. Mamede de Nodar

Nodar, topónimo que dá nome á parroquia, provén do antropónimo latino 'Nodarius' ou ' Notarius'. Xa hai testemuñas do mesmo, no s. XIII  no que se fala de 'Sancti Mametis de Nodar'. Os veciños falan de Samede no canto de San Mamede por asimilación. Outro lugar con referencias haxiográficas é Santo Estevo - Sanctum Stephanum-.
O Outeiro e A Corda, dous orónimos; o primeiro de 'altariu', ( lugar elevado), o segundo no sentido de serra, cadea montañosa.
A Penalba faría referencia a unha pena branca.A Ponteliñeira ( ponte relacionada co traballo do liño) , Portocelo ( porto pequeno, do latín 'portucellus'),  As Fontes, nidio coma a auga. O Bargo,  que sería O Vargo (chanto de pedra para separar leiras).
Despois temos A Cabana ('capanna' choza); O Convento 'conventus' (asemblea ou reunión con claras reminiscencias eclesiais). Convén salientar que o "Nomenclátor e Galicia" recólleo como "O Conventillo".  A Fábrica topónimo claro -- lugar con algún tipo de produción,  do latín 'faber' (facer)
Guimarei, citado noutras entradas procedente do antropónimo xermánico 'Wimaredus'.
Mantelle (mencionado nos Tombos do Mosteiro de Sobrado no s. X como 'Mantele' ou máis adiante como  'portum Mantele' do antropónimo  latino 'Mantelius'.
Aparecen os fitónimos --topónimos relacionados co mundo vexetal-- O Bidueiro--  'Betula sp' - ; Carballo do Vento  e Carballoso do prelatino 'carba' - discútese se Vento faí referencia ao fenómeno atmosférico ou sería un 'Bento' como nome persoal ; A Cerdeira - árbore que dá as cereixas-- e O Loureiro - 'Laurus nobilis'-
Vilariño, como diminutivo de vilar - casarío coas terras e apeiros-.
A Aldea -- palabra de orixe árabe que significa "finca rústica ou o casal" segundo a E.G. Universal-- de Arriba, do que nada hai que explicar.
E quedan estoutros topónimos:
Ledro e A Travesa de Ledro , relacionados cun antropónimo (seguindo a Nicandro Ares) pero poderían ser varias as opcións e non semella estar moi clara a súa orixe.
O Rego do Orizo , do rego -regar-- e ben do "ourizo" ou ben do antropónimo --mesmo autor-- Auricius.
Do que descoñecemos a súa orixe é da Roxica.
A fotografía que acompaña á entrada é do lugar da Fábrica. Fotografía cedida pola Asociación Cultural "Cova da Serpe" á que lle agradecemos nos deixase achegar ao seu importante Arquivo fotográfico.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.