02/02/10

A Fonte das Pardellas.

Nas Pardellas hai unha fonte, a que aquí reproducimos, que segundo a crenza popular, é moi boa para a curación das verrugas. Somos testemuñas indirectas dalgún doente que curou as súas, coas augas da mesma.
Outras moitas fontes espalladas por Galicia teñen o mesmo poder curativo. Unha delas a fonte de Santa Mariña de Xerdiz no concello de Ourol, outra a de S. Pedro Fiz en Vilarmide, na Pontenova. Precisamente é este o santo o avogado das verrugas.
Pois ben , cando iamos fotografar a fonte milagreira, para facer esta entrada, demos cun emigrante retornado da Suíza – xa non é o primeiro co que topamos nas nosas andainas polo concello--. Contounos de vagar o antes e o despois dunha vida que se desenvolveu entre o aló e o acó.
Ese estar e non-estar, permite mirar o mundo dunha maneira que só os emigrantes son quen de facer. Ver os perfís que matizan a vida dun e doutro sitio só o poden facer aqueles que estiveron dos dous lados e, claro está, non se encontran nesa chamada maioría silenciosa da que tanto botan mans algúns. Non é ese o grupo ao que pertence este home.
Puxo enriba da fonte as súas dúbidas no momento de tomar a decisión de quedar aló ou virse definitivamente . Na decisión, o elemento principal a ter en conta: o fillo e a familia. Volveron . Aínda lembra con morriña a súa vida –32 anos—alá.
Hoxe que nos atopamos nunha sociedade cunha presenza importante de inmigrados, non deberiamos perder a referencia de sabérmonos dun país , ata hai ben pouco, xerador de emigrantes.
Ás veces cando oímos comentarios, abondo superficiais, sobre o mundo da inmigración, ou cando vemos o trato que se lles dá a certos colectivos de inmigrantes, dános en lembrar o noso pasado e acordar , moi ao noso pesar, o dito “ Non pidas a quen pediu, nin sirvas a quen serviu”.
Procuremos non caer nos tópicos deshumanizadores e sexamos solidarios cunha xente que se está aquí é, ben seguro, ao seu pesar; que se por eles fose non deixarían o seu país que os viu nacer.

8 comments:

Gonzo

En verdade éche ben curiosa esta Fonte de Pardellas. O teito é cónico, non si?. Non ten ningunha inscrición gravada?.
Graciñas polo voso meritorio traballo.

Friol

Pois aparentemente non, non paramos moito a vela porque xa tiñamos a referencia dela. De tódolos xeitos non o creo porque os informantes e posteriormente co veciño co que falamos , fixeron ningún comentario ao respecto.
Estamos pendentes de saber se había un ritual preciso para a curación.
Grazas polas flores que devolvemos dende aquí porque sabemos, xa sabes, do que fas.

A Ulloa en fotos

Que interesante a construción do parapeto da fonte.

Si debe ser ben milagreira, por iso a protexeron tanto.

Saúdos

Algalia

E tanto que a protexeron. Incluso ten unha especie de armazón feito con madeira e alambres que impiden calquera achegamento á auga. Será que non é auga potable ou serán outras razóns?. Xa nos enteraremos.

Friol

Supoño será por precaución para evitar posible caída dalgún pequeno, ou como indicas por motivos de potabilidade da auga.
Pero se así fose habería algún deses carteis que poñen os concellos en plano "artístico".
vin cando fomos facer a foto plantas que nacen en augas limpas.De tódolos xeitos como di Algalia hase saber.

A Ulloa en fotos

Se a auga é potable o peche de madeira é por dúas cousas: para que o gando non beba alí e para que non caia morrallada dentro. Polo menos aquí fano por iso.

Saúdos ulloáns

Sandra

La casa blanca que se sitúa frente a la fuente a la otra orilla de la carretera era de mis abuelos. Mi madre, mis tías y mi tío se criaron ahí. La fuente la recuerdan ahí desde siempre. Pero no estaba "cerrada" con la tabla de madera. Me acuerdo que cuando yo era mas pequeña las vacas que pasaban por ahí se arrodillaban para beber en ella; metían toda la cabeza y el cuello en ella para alcanzar el agua. Al tener una abertura tan grande y tan baja, suponía un peligro tanto para los animales que intentaban beber como para los niños. Entonces uno de mis tíos la cerró con la famosa tabla de madera de la que habláis.

Friol

Grazas pola información, que corrobora a hipótese de "aulloaenfotos".

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.