Onte, 3 de Febreiro, foi o día de San Brais, celebración de sona en localidades como Monforte. San Brais foi bispo de Sebaste, Armenia, no S.IV. Pese a súa orixe oriental, o seu culto tivo ampla difusión en occidente, onde, en tempo das cruzadas, repartíronse as súas reliquias, chegando, supostamente, unha delas a Monforte.
Segundo a tradición, San Brais foi taumaturgo e curandeiro, chegando a ter enorme influencia no seu tempo. Mentres curaba, predicaba, conseguindo adeptos en masa. Dos seus miragres, o máis coñecido fai referencia á curación dun neno a piques de afogar por unha espiña atravesada na gorxa. O neno é salvado cunha imposición de mans e cos rezos do santo.
Foi vítima das persecucións contra os cristiáns en tempos de Diocleciano e sometido a martirio: o seu corpo foi esgazado con peites de ferro para finalmente morrer decapitado.
É considerado o santo sanador dos males da gorxa (entre outros tos ferina, que contribuía a mermar a poboación infantil ata tempos relativamente recentes) e tamén do oído. É curioso que "os santos de maior devoción en Galicia non son os santos sabios (...), senón os grandes sufridores, curadores e milagreiros" (Diccionario dos nomes galegos. "Ir indo". 1998).
Tamén era frecuente invocar a San Brais cando se facían queimadas para curar a tos ferina: "San Blas, leva a tos e deixa o rapás".
A iconografía de San Brais en Galicia, represéntao con vestiduras episcopais (casula sobre a alba e mitra). Está de pé e ladeado cara á dereita, co báculo na man esquerda e levando a man dereita á gorxa, en alusión á súa especialidade curativa. A fotografía que amosamos reproduce a San Brais da igrexa parroquial de Carballo. Está situado na fornela dereita do retablo lateral esquerdo. O retablo, de finais do S.XVIII, é de trazas neoclásicas. Desta época debe ser tamén a figura de San Brais, aínda que os ecos barrocos son perceptibles nos pregamentos da roupa, nos dourados e no contrabalanceo do corpo.
1 comments:
En Monforte, ata hai pouco anos día non lectivo --por todo o morro- é costume asistir aos actos relixiosos e recibir unha especie de cinta que se anoa ao pescozo e haina que levar, cando menos todo o día do santo. É bo para a gorxa.
Publicar un comentario