08/04/10

Roimil: Toponimia

As terras da parroquia de San Xiao de Roimil no Antigo Réxime dependían das xurisdicións de San Xurxo de Augas Santas ( hoxe parroquia de Palas)- Conde de Monterrei- e da dasTerras da Orde - El Rei--. Segundo o Catastro de Ensenada as terras desta parroquia estaban divididas entre as citadas xurisdicións--
O nome de Roimil, ao igual que os dous topónimos referentes a Gundín , de Arriba ou de Abaixo, son testemuñas lingüísticas da presenza dos pobos xermánicos por estas terras. Roimil viría do antropónimo (suevo?) Rodemirus, e Gudín do nome persoal visigótico Gotinus - xa citado nos Tombos do Mosteiro de Sobrado no ano 842.
Outro topónimo coa súa orixe nun antigo posuidor, neste caso latino, sería Buxán que procedería do xenitivo do nome persoal Busianus, documentado en Galicia no ano 812.
O Campo da Feira, é de creación máis tardía e fai alusión a actividade que o nome indica; O Piñeiro, fitónimo que non necesita explicación; e Currás , procedente de currale-- recinto cercado preto da casa para gardar o gando-- son outros lugares da entidade que tratamos aquí.
A Alzada, ( altius ) topónimo que noutros lugares fai referencia aos asentamentos temporais de pastores no verán, aquí desbotamos esta posibilidade, para quedármonos coa opción de (recurso de apelación) na medida de ser terra debedora dalgún preito entre as citadas xurisdicións polos dereitos señoriais do lugar (unha hipótese).
O Bullo, ao que Nicandro Ares dálle dúas opcións para a explicación da súa orixe -- unha delas referida a un posible posuidor latino Bullius-- Nós, apoiándonos na referencia que no Catastro de Ensenada se fai deste lugar, quedamos co significado de bullo -terreo ou lugar con lama -- pois no antedito documento cítase precisamente como límite das xurisdicións antes indicadas a este "... sigue al bullo del prado pequeño...".
A Penagaiteira, non alude ao instrumento musical, senón máis ben ao gótico "gaits" co significado de cabra. De feito o fol da gaita era feito coa pel deste animal. A primeira parte do topónimo é nidia. Aquí seguimos a N. Ares.
Por último queda O Pazo. Inicialmente, estes topónimos relacionados con Pazo, Pacio, Pazos e semellantes, explícanse a partir do palatium latino, co significado de "casa dun gran señor".
De todas formas Juan José Moralejo abre unha posible revisión e non o circunscribe ao palatium latino, senón a unha posible orixe prelatina que achegaría ao topónimo en cuestión o significado de "curro" ou mesmo espazo habitacional de pastores. Unha das vías que abriu esta posibilidade foi a innumerable presenza de lugares con este topónimo que non fai crible a existencia de tanta mansión. A explicación excede a finalidade desta entrada pero pódese consultar en MORALEJO, J.J.: (2.007): Callaica Nomina. Estudios de Onomástica Gallega. Biblioteca Filolóxica Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.