06/06/10

A actividade teatral en Friol (II) : "Non chores Sabeliña"


Nos primeiros anos da década dos cincuenta -case que nos atrevemos a dicir que en xaneiro do ano 1952- representouse en Friol a obra "Non chores Sabeliña", escrita por Trapero Pardo con música de Gustavo Freire, da que xa falamos noutra entrada.
O estreo da mesma levouse a cabo o día 4 de xaneiro -- día de feira-- en sesións de tarde e noite, cunha concorrida asistencia. Esta obra fora estreada en Lugo, no desaparecido Gran Teatro, o 11 de febreiro de 1943.
Manuel Andón—avogado que anos máis tarde asumiría a alcaldía — e Maruja Bóveda, parece ser que foron os dinamizadores da actividade.
O reparto realizouse entre aqueles que quixeron participar e entre os que hai que destacar a María Rodríguez – no papel de Sabela—e Angel M. F. de la Vega – que interpretaría o papel do Xastrico--, citamos aos dous á vez porque anos máis tarde casarían ( hai algún ano que a muller de Ángel faleceu). Tamén participou no papel de Xosé o noso coñecido Manolo de Quiroga e participaron tamén Lolita Barreiro, Lelo de Román, Pacón, e outros máis ata completar o reparto. Creouse tamén un coro para que aquelas composicións que non ían ser interpretadas por ningún solista, fosen cantadas por esa agrupación.
Supoñemos o interese máximo e a tensión xerada na poboación diante de tal evento.
Os decorados foron cedidos polo Gran Teatro de Lugo (nesta sala quedaran en depósito os decorados orixinais da obra e grazas a algún friolés que traballaba no citado teatro foron traídos a Friol ).
As letras da música foron adaptadas á nosa vila: “lembro que cando na versión de Trapero cantan :”Na feira de Castro”, en Friol cambiaran a letra para dicir “Na feira do catro”Higinio M. F. de la Vega, artífice real desta entrada—
Dinos precisamente Higinio que “ ...en canto a representación de "Non chores Sabeliña", que contou coa autorización de Trapero, empregouse o seu texto e a maior parte da música de G. Freire, pois parte da mesma era coñecida polos actores ( p.ex. a miña cuñada Maruja a parte de cantar moi ben xa coñecía, antes de ensaiar, boa parte da música), introducíndose "morcillas" referentes a lugares, feiras , festas ou costumes locais. Se algún actor non lle ía ben o canto suplíao un coro de xente da localidade preparado para ocasión.
A parte musical corría a cargo dun músico que se chamaba Ramiro que era director da orquestra " Mambo" de Lugo, acompañado doutros músicos: violín , gaita, frauta, etc.
O local onde se representaba era una casa en construción da familia "Grande" cedida gratuitamente e que estaba na estrada que vai a Parga.
A representación ía ser un único día - con dúas sesións- , pero debido ó éxito repetiuse unha ou dúas veces máis.
A idea de interpretar en Friol "Non chores Sabeliña" foi de Manuel Andón, pero a verdadeira directora era Maruja Bóveda, boa coñecedora de teatro.
Alma mater da parte musical, ademais do director , era o músico ou mestre Cora, home xa maduro, membro da Banda Municipal de Lugo, que actuaba tamén no Mercantil, e que participaba sempre que viña unha compañía de teatro a Lugo e tamén participou na primeira interpretación de "Non chores Sabeliña" en Lugo. En Friol tocaba o violín e dirixía os ensaios.
Para o desenvolvemento da obra empregáronse, segundo teño entendido as partituras orixinais e os decorados da interpretación primeira que se fixera en Lugo, que non sei como se conseguiran para a interpretación de Friol”.
No intermedio, os citados Angel M. Fernández de la Vega e Lolita Barreiro, escenificaron o poema de Ramón Campoamor titulado “¡Quién supiera escribir!” que como moi ben lembra Higinio comeza co verso “ Escríbidme una carta, señor cura.”
Na entrada seguinte insertamos un dos textos adaptados para a obra representada na vila.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.