15/01/11

De vodas

O pasado nove de xaneiro saía en "La Voz de Galicia" unha referencia a unha das persoas máis lonxevas -- senón a que máis--do noso concello. Na pequena reportaxe sobre Dona Concepción Fraga,  a piques de cumprir os 104 anos, fanlle recordar a súa voda. Tiña noivo, era polo tempo da guerra civil e houbo que casar de noite.O motivo da voda en secreto non era outro que ,aínda sen casar, xa levaba á súa filla no colo.
Non hai moito tempo que visitaramos a casa de Dona Concha, en Lousende, e precisamente esta súa filla mailo seu xenro, abríronnos algunha porta para seguirmos con este blog.
Fala Lisón Tolosana no seu Antropología cultural de Galicia, da relativa frecuencia coa que antano, na Galicia tradicional se realizaban estas cerimonias case en secreto, á noite ou mesmo de madrugada. As razóns para estes casorios eran múltiples pero en moitas, subxacía unha ocultación dos chamados "fillos ilexítimos" --chegados ou non--. Aínda hoxe pesa na Galicia máis profunda esta forma de pensar que aos poucos imos desbotando da nosa conciencia colectiva.
Non era este o motivo da entrada pero quixemos aproveitalo por introducir un novo romance recollido por J.A.Fidalgo Santamariña no seu Antropología de una parroquia rural.
Neste caso a voda da tal María da Vinculeira co Xan do Ferreiro --ficticios ou non-- deron estes versos cheos de inquina. Xa fixemos mención noutra entrada a outros sobre a mesma temática.
"Alabado se Dios 
agora lles vou contar
un conto moi bonitiño 
que moito lles vai gustar.
Voulles dicir a verdá,
que lles foi desta maneira,
que botou as municións
María da Vinculeira.
Todos preguntan con quen.
Do máis grande ó máis pequeno,
saben ben que as botou
co tío Xan do Ferreiro.
Xan foi á aldea de abaixo
e confesou o segredo:
--Que lle parece Luísiña,
do meu novo casamento?
-- O casamento é moi bo--
contestou a tía Luísa,
de non se marchar do sitio
rebenta alí coa risa.
O tío Xan é bo mozo
pero tenche moitas faltas
cunha xoroba nas costas
que lle fai andar a gatas.
Mais o conto foi despois,
cando foron onda o cura;
preguntoulles a doutrina
e non sabían ningunha.
--Non sabedes a doutrina
eu non vos podo casar,
se Dios vos dá unha criatura
non a sabes ensinar.
Respondeulle a tía María
que era moi desvergoñada:
--Eu ben lle sei, señor cura,
a obriga da casada.
--Se Dios dá unha criatura
arreglala e limpiala
gobernar a miña vida
e durmir co home na cama.
O día que se casaron
era de inverno e  chovía,
esbarrou o tío Xan
caeu de patas arriba.
Cando viñan de casar,
toda a xentiña da voda,
entrou un can na cociña
e levou a carne da ola.
Todos corren tras do can,
na mesa quedan os pratos,
entra un porco na cociña
e puxo todo en anacos.
--Aí vos vai miñas meniñas
facédelle caso á copla
que non quero que casedes
con vellos que teñan xoroba."

A fotografía que acompaña á entrada apareceu publicada no mesmo xornal citado, e reflicte ás claras o bo aspecto de Dona Concepción . 

1 comments:

Mª José

Gracias por la copla bien ruín ella con la señora de la historia, pero fantástica para recordar a esa Galicia que existió en otros tiempos . Poco a poco , la famosa Galicia profunda , en pensamientos y obras , desaparecerá ( espero ).

Un abrazo

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.