31/01/12

Romance parrafeado

Na revista "Lume Novo", publicación do noso centro, e concretamente no número 6 editado en maio de 1987, o que posteriormente ocupou a conserxería do colexio e na actualidade forma parte da "plantilla" de laborais do concello de Friol, Carlos Sánchez Pazos --daquela un rapazolo do antigo 7º de EXB-- recolleu na súa casa de boca do pai --tristemente falecido-- este romance parrafeado.
Outra versión do mesmo romance é cantada polo músico Pancho Álvarez no seu disco "Florencio, o cego dos Vilares".
Nós, despois de termos falado co citado Carlos, achegamos esta versión recollida na Laxe (O Carballo) :

"--Boas tardes Maruxiña,
vouche dicir unha cousa:
Se ti me queres a min,
eu non me caso con outra.
--Que te quero ben o sabes,
non fai falta preguntar;
hai un ano que che dixen
que me eu quería casar.
--Ti tomaralo de risa,
pero eu digocho de veras,
ando pra casarme agora,
non encontro quen me queira.
--Se non encontras con quen
será porque serás malo,
ou porque che teñen medo
que non cumpras co traballo.
--Eu por malo non me teño,
só será por folgazán,
que todas as mozas din
que eu son un grande larchán.
--Se o dicen non se engañan
que pareces un babullas
porque te ofreces con todas
e non cumpres con ningunha.
--Todo iso é boa mentira.
Só é por pasar o tempo,
que ti es a preferida
que teño no pensamento.
--Pois non me veñas con contos
que eu xa non che fago caso,
que eu son unha coma as outras
para facerme outro tanto.
--Non desconfíes de min
que eu contigo hei ser formal,
dáme un biquiño de amor
e non me fagas rabear.
--Agora queres un bico,
despois queres un abrazo
e así pouquiño a pouco
vas entrando no palacio.
Teño o xuramento feito,
mentres estea solteira:
Nin ti nin ningún lambón,
ha verme a chocolateira.
--Pois eu teño que cha ver,
senón non caso contigo,
que tamén podes levar
algún defecto escondido.
--Vaite de aí gran lambón
boca de cadelo mouro,
que xa non te quero ver
anque te cubran de ouro.
--Pois eu tampouco te quero,
ollos de gata mamada,
que te tes por boa moza
e pra min non vales nada"

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.