14/06/11

Toponimia de San Cibrao da Pregación

Nesta parroquia, con 42 habitantes no censo do 2010 repartidos en catro núcleos de poboación, atopámonos en primeiro lugar con Recarei, que coma outros moitos topónimos do concello, teñen a súa orixe nun antigo posuidor xermánico, neste caso Recaredi ou Recaredus, partindo dunha *villa Recaredi (vila de Recaredi) que pola perda do "d"intervocálico chegaría ao actual Recarei, que para os propios é *Recaré.
San Cibrao, que comparte a titularidade parroquial e ao tempo é o nome dunha das súas entidades de poboación, tería a súa orixe no latino Cyprianus "nome étnico procedente do adxectivo cyprius 'de Chipre'. S Cibrao foi bispo en Cartago alá polo século III e segundo parece tiña a súa orixe na illa chipriota.
Para o segundo elemento do nome parroquial de S. Cibrao da Pregación, pódese consultar o xa comentado nestoutra entrada, onde se fai referencia ao estudo feito por Nicandro Ares sobre este topónimo.
O Vilar, que sería un vilar ou villare, é dicir, un casarío, aldea pequena, ou pequeno lugar poboado.( Lembremos que este topónimo repítese nas parroquias de Narla, Ousá, O Seixón e Xiá, no noso concello).
Queda o máis escuro, aínda que inicialmente semella o máis nidio: Fontedelo. Di Nicandro Ares falando deste topónimo:"case foi aceptado por Moralejo como fonte de gelu=*Fonte do xelo, pero isto non convence de ningunha maneira; haberá que ver outras hipóteses, comparando por exemplo Fontedelo con Castrodelo(Láncara) no que podería albiscarse o nome persoal Tellus". Nin engadimos nin sacamos nada, aí queda.

1 comments:

Maria

Grazas polo voso traballo constante e de interese grande.
No noso blogue, tedes un presente para vós.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.