31/01/13

A Sociedade Recreativa Deportiva Cultural de Friol

Xa ben avanzada a década dos corenta inícianse os trámites burocráticos para reorganizar a antiga Sport Club de Friol da que falamos nunha entrada anterior.
A tales efectos achégase ao Goberno Civil ( 10 de xullo de 1947) un novo regulamento  para a súa aprobación,  solicitude cursada por D. José Martínez Mendoza.
En xaneiro do 1948 o Goberno Civil envía ao Ministro de Gobernación o citado regulamento para que Política Interior o vise e dea a súa autorización.
Contestan indicando que no regulamento debe figurar expresamente un artigo no que se reflicta o sometemento da sociedade ás normas da "Delegación  Nacional de Deportes de FET y de las JONS".
Despois dalgunha que outra ida e volta máis para adaptar o regulamento ao gusto do citado ministerio,(documentación que se pode consultar no Arquivo Histórico Provincial) por fin o 7 de marzo do ano 1949, case dous anos despois de iniciado o proceso, o Gobernador Civil, D José del Valle envía escrito aprobatorio ao concello friolés.
No seu regulamento a sociedade xa establece no artigo 1 que se trata de reorganizar  "el antiguo Sport-Club Friol, que en lo sucesivo se denominará "Sociedad Recreativo Deportiva Cultural de Friol con domicilio en Friol, casa de Domingo Carricoba Salvador".
No artigo 2 reflicte os obxectivos da reorganizada sociedade entre os que destacamos:
"El desarrollo de toda clase de deportes que no pugnen con la moral.
Proporcionar a los socios los elementos adecuados para favorecer cualquier clase de actividades culturales.
Organización de festejos, excursiones y demás actos que se consideren convenientes..."
No artigo 3 especifica que "carece de matiz político alguno; no autorizará a sus socios como tales para sumarse a manifestaciones de este carácter, ni permitirá en los locales sociales discusiones sobre estos asuntos..." 
Polo demais recóllese o respecto ás normas esixidas polo Ministerio de Gobernación  e detalla as funcións da xunta directiva e o desenvolvemento normativo característico deste tipo de asociacións.
Axiña vemos no diario provincial "El Progreso" informacións ao respecto da mesma. Así na súa edición do 30 de marzo dese ano 1949, dáse conta da celebración da xunta xeral da citada asociación, na que se constituiu a primeira directiva que elixe como presidente a  D. José Martínez Mendoza (industrial), como vicepresidente a D. Antonio Muíña Santomé (médico), como secretario a D. Santiago Santiso Gómez ( oficial do concello), como tesoreiro D. Pedro Fernández Abella (industrial) e como vogais --entre outros-- D Cesáreo Menéndez (notario), D Antonio Abuín ( Corresponsal da Obra Sindical) e D. Antonio López Díaz (Axente do Xulgado Comarcal).
Bota a andar con moita forza pero diso falaremos nunha próxima entrada.

A fotografía que acompaña a entrada é xa da década dos 60 e nela aparece no centro con sombreiro, o citado D. José Martínez  Mendoza acompañado polo alcalde D.Manuel Andón e o gobernador civil D. Eduardo del Río

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.