10/03/13

Castro de Guntín, Carballo

Con todo o dito na anterior entrada, todo parece indicar que o castro de Guntín entraría na categoría de pequenos castros e acorde ó modelo inicialmente descrito. Del pouco máis podemos dicir, pois como ocorre con todos os castros de Friol, non foi excavado (29 identificados nunha superficie de 290 km2, nos traballos de prospección de 1995: "Catalogación y delimitación planimétrica de los yacimientos arqueológicos del ayuntamiento de Friol"). Ademáis, nos traballos feitos de prospección, foi imposible facer unha estimación fiable da superficie no castro de Guntín (tamén no de Gonce), debido ás dificultades impostas pola densidade de vexetación. Segundo Parcero Oubiña, na súa tese anteriormente citada, o castro de Guntín presenta un dominio visual a curta distancia intenso e uniforme en toda dirección, pero a longa distancia o dominio visual é descontinuo, esporádico e case accidental. Na súa ubicación tívose en conta a produtividade da terra por riba dos factores estratéxicos.
Para rematar, faremos unha mención ás defensas do castro de Guntín. Como diciamos, a vexetación impide unha visión global do recinto. Con todo, son visibles desde a carretera os restos de parapeto que rodearía ó recinto, polo menos desde o lado sur. Aparentemente, dá a sensación de que máis alá do recinto, en descenso, podería haber unha continuidade de formas que recordan parapetos ou foxos. En cambio, na cara norte, non se observa ningún resto visible de fortificación. Dá a sensación de que por esta cara a croa está aberta e desprotexida (todo dito coa lóxica cautela). Hai máis castros nos que a defensa non completa o perímetro do poboado. De feito, na actualidade difúndese unha nova visión das fortificacións castreñas, nas que non necesariamente hai unha funcionalidade defensiva, senon simbólica e de prestixio, de delimitación do asentamento e/ou de expresión de cohesión interna das comunidades locais ("Variaciones en la función y el sentido de la fortificación a lo largo de la Edad del Hierro en el NO de la península Ibérica", Parcero Oubiña). Sería unha concepción da fortificación como forma de monumentalidade, como expresión de dominio sobre o territorio, continuando un proceso que se materializa por primeira vez no Neolítico a través da monumentalización dos enterramentos. De feito, o asentamento fortificado na cultura castreña, era a única forma posible de monumentalidade, pois non se coñecen enterramentos monumentais ou espazos sagrados monumentais. É máis, conforme o tempo avanza, as estruturas delimitadoras do poboado complícanse sobre todo nas zonas de acceso, e multiplícanse os antefosos. Era unha forma de presumir de asentamento ante a chegada de visitantes, pois non necesariamente eran estruturas de defensa eficaces (de feito, a eficacia defensiva parece ser menor canto máis tardíos son os castros). É posible que o castro de Guntín presente, máis alá da carretera, en descenso, esas estruturas de acceso?

Todo un traballo pendente para a arqueoloxía.

4 comments:

H.M.


Importante información divulgativasobre dos castros de Friol. Ao meu xuicio un dos castros máis típicos da comarca e o de Narla, que reune as dúas características que citas, situado nun lugar estratéxico, e perfectamente visible dende a vila de Friol, e esta rodeado de terras de cultivo e pastoreo.
Cítanse moitos castros, pero creo que aínda quedan algúns, como o de Pardellas a saída hacia Condes, e que un lateral foi destruído pola carretera Friol-Palas, ou o da Castronela, encima do cal situase a Torree de S. Paio.

Algalia

Aínda temos pendente unha visita ó castro de Narla (parece que ten unha defensa de notable altitude, de case 8 m no parapeto central). É unha visita obrigada.
O castro de Pardellas é o que cito para Condes, e o da Castronela, o que cito para San Paio.
Gracias por seguirnos a aportar datos. Sempre benvidos.

H.M.

Apreciada Algalia: Estades facendo unha gran labor pola difusíón da Cultura e Historia de Friol.
Cando visitedes o Castro de Narla, que semella un gran barco navegando o val de Friol, tede cuidado que os rapaces non se atopen coa "encantadora mora", que seica vive no oco da cova que hai o pé do castro , que se adentra nas súas entrañas, e que está alá abaixo hacia o rio, e da "mora" dín que de vez en cando sale a vixilar as galiñas.
E como non quedo a gusto sen aportar algo,citarei un pequeno castro, difícil de identificar, que hai o lado do antigo camiño que partindo do campo da torre leva a Guldriz, a uns 2 Kms aproximadamente , e creo que dentro da parroquia de Friol.
Unha forte aperta

Algalia

Unha vez máis, moitas gracias polas aportacións que nos achegas. Para nós son de gran valor.
Outra forte aperta

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.