10/03/13

Os castros en Friol: unha visión global

Cando falamos de cultura castreña obsérvase un claro baleiro na investigación para o interior de Galicia, e en especial, na provincia de Lugo. Salvo no caso dos grandes castros, Lugo segue a ser un tema pendente que, sen embargo, empeza a chamar a atención. De feito, González Ruibal (considerado pioneiro na nova visión dos castros) fai fincapé na necesidade de abordar a fondo esta cuestión, pois os datos que se empezan a ter parecen modificar moitas ideas que se tiñan do mundo castreño, e que se daban por válidas para toda Galicia.
Entre as peculiaridades que González Ruibal sinala para o interior, está a ausencia de oppida (grandes castros que serían como cidades arcaicas cunha posición de dominio sobre outras comunidades). Estas concentrábanse sobre todo no litoral, en grandes vales e zonas fronteirizas. Os castros de interior (e da área de Friol) son, a grandes rasgos, de pequenas dimensións (entre 2 e 2'5 hectáreas), e parecen demostrar unha menor diferenciación social, constatado pola ausencia en xeral, de obxectos de prestixio ("terra sen torques", ausencia de esculturas, de "pedras formosas", bronces ou fíbulas, e tamén cun tipo de cerámica máis simple e repetitiva). Todo isto dito coa cautela imposta pola ausencia de estudos sistemáticos, en especial en Friol, onde polo de agora, os traballos non pasan de ser prospeccións.
González Ruibal tamén desmonta mitos, como que a casa castreña é circular con tellado de palla, e que as estruturas domésticas de liñas rectas, se debían a un proceso de asimilación de novas formas traídas polos romanos. Apunta que os datos que se van tendo, rebelan unha enorme diversidade na tipoloxía de vivenda de interior (circulares, poligonais, rectangulares, cadradas...) e que, incluso nalgúns casos, as cubertas eran de lousa (castro de Formigueiros).
A zona de Friol está fóra da esfera dos oppida e dentro do esquema proposto por González Ruibal, unha zona resistente ós cambios e cunha continuidade ó longo do tempo, sen demasiadas diferencias na transición do Ferro I ó Ferro II. Esta continuidade, segundo Parcero Oubiña, pódese deber a que o rigor do medio daba menor marxe de maniobra ás comunidades, que permanecían ó longo do tempo estables naqueles puntos onde a explotación do medio fose máis favorable.
Parcero Oubiña propón un modelo para os castros de Friol, moi semellante ó xa estudado no Alto do Castro (Cuntis, Pontevedra), que é un castro pequeno de uns 60-70 individuos. Pola súa banda, González García ("Los pueblos de la Galicia céltica", Akal, 2007, pp.221-223) sinala para Friol unha menor diferencia de tamaño entre os castros que a observada na zona dos oppida (hai que ter tamén en conta que, de momento só se mediron os recintos centrais nos castros de Friol). E aporta un dato interesante: os castros de maior tamaño (Guldriz, Enxeito, Bra, tal vez Xul) son tamén os ubicados en lugares prominentes desde onde exercer un control visual do territorio a longa distancia e manter unha posición dominante. Tamén sinala que este modelo se repite en toda Galicia, pois castros enormes e de maior presión demográfica (como Santa Tegra), están, paradóxicamente, situados en puntos elevados nos que o acceso a terras produtivas é peor. Nestes casos, polo tanto, os factores locacionais de máis peso son os estratéxicos.











A relación dos castros de Friol coa potencialidade agraria foi estudiada por Parcero Oubiña ("La construcción del paisaje social en la Edad del Hierro del Noroeste ibérico", pp 167-194. Tese doutoral, ano 2000). Sinala dous grupos de castros para Friol. Nun primeiro grupo, as superficies aptas para un laboreo intensivo na contorna inmediata do castro (800 metros), están ausentes ou son anecdóticas. Sería o caso dos castros de Gonce, Lea, Lobengos, Monte Cotón, Paradela, Seixalbo e Xul. No segundo grupo estarían os castros nos que o factor locacional de peso parece ser a proximidade a terreos aptos para unha explotación de tipo intensivo. Os castros que se ubican en entornos dominados por estas terras de "primeira" serían os de Carregal, Castrodá, Condes, Gudín, Guntín, Lagouzos, Lamas, Macedo, Mandín, Narla, Ousá, Romá, San Paio, Seoane, Silvarredonda, Silvela, Trasmonte (arriba, á esquerda) e Vilafiz. Outros dous castros, os de Enxeito e Prado, responderían a este grupo pero co matiz de que as terras non son tan boas (menos chas e profundas e cun maior risco de perda de humidade e de materiais por erosión). Por último, os castros de Bra e Guldriz non se axustan ós modelos descritos, pois non predominan nin os terreos de potencialidade intensiva, nin terreos extensivos, nin terreos improdutivos, senon que hai un equilibrio.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.