27/11/17

Días de imposición

Días atrás desenvolveuse nas redes sociais, entre a veciñanza friolesa, unha controversia relacionada co uso da nosa lingua na que se fixo mención a algunha desas mentiras ás que é frecuente botar man para desacreditar a nosa lingua ( das que se fala polo miúdo no ensaio "55 mentiras sobre a lingua galega" 
Non quedamos moi satisfeitos coa exposición do noso punto de vista na citada confrontación de ideas.
O caso é que días despois, concretamente o 21 deste mes, tivemos a sorte de ler no blog  Nube Tóxica, da xornalista do diario El Progreso, Marta Veiga, un artigo tan didáctico e tan nidio sobre a situación  social da nosa lingua que consideramos que pagaba a pena subilo ao noso blog, aínda que como ben sabedes non é práctica habitual.
Somos coñecedores de que a citada xornalista de cando en vez, bota unha ollada a esta bitácora e, tendo a súa autorización, plasmamos aquí o artigo que baixo o título da entrada publicou no citado diario.
Di así:
"O PRIMEIRO traballo que lle entreguei a Carme Hermida mereceu un menos oito. Póñoo en letra, porque así dá a impresión de non ser tan embarazoso. A miña estrea cun suspenso final foi en segundo de carreira. Lingua Galega Oral, outra vez con Carme Hermida. Naquela altura, se estabas feita de material de chapona como era o caso, resultaba o meirande dos dramas. Suspendín galego en xuño. O práctico; no teórico quitei notable (isto escribiuno a chapona). Botei o verán de bolseira no Diario Montañés de Cantabria. Na casa, escoitaba as cintas de A Roda e de Los Tamara de meu pai. Os cassettes de chistes de Farruco. E estudaba listaxes de palabras. Oso e óso. Doce e dóce. Présa e presa. Vai a pola pola póla. Volvín suspender en setembro. Aprobei en terceira convocatoria. Cun suficiente. 
Ademais de amolarme porque un suspenso era un escenario no que nunca me vira, mancoume porque eu poñíalle intención. De verdade quería aprender. Colocar os pronomes no sitio, identificar vogais abertas e pechadas. A Terra do Medio é a terra de meu pai —ata aquí, a miña homenaxe a Julio Iglesias— e desexaba que o seu xeito de comunicarse co mundo fose tamén o meu. Axudoume moitísimo a miña tía Carme, que fala ben bonito. Foron tamén un aliciente as noites de sábado melidás, onde o carácter de lingua franca do galego para o lecer, o ligoteo e o bebercio non se discute.
No verán de 1999 saín do armario. Como galegofalante. Foi en Lalín. Chegaba a un sitio novo onde podía facer tábula rasa. Ninguén coñecía o meu pasado pentavocálico con tempos compostos. Nalgún momento entre o segundo e o terceiro milenio, empecei a soñar en galego. No proceso atopei, sobre todo, estupefacción. "¡Con lo bonito que te queda el castellano!". "¡A quién se le ocurre; una chica joven!". Esta é unha das miñas favoritas: "¿Cómo es que pierdes el tiempo con el gallego, si aquí no te hace falta para nada?".
"¿Estás segura de que quieres hablar en gallego, mira que así no vas a encontrar novio". Podería seguir ata o día de Nadal, pero non é o caso. 
A Carme Hermida non lle gardo sequera un chisco de carraxe, porque foi unha profesora marabillosa. Non creo que a ninguén lle teñan que dar unha medalla Castelao por aprender o idioma do sitio onde vive. Sobre todo, se esa lingua é unha ferramenta de traballo. Estou certa de que nestes máis de vinte anos que levo en Galicia, se tivese vivido en castelán, ninguén se tería feito cruces. Sería "o normal". Tería dado moitísimas menos explicacións. 
Ninguén tería cuestionado os meus motivos. "¿Quieres vivir en la aldea o eres del Bloque?". 
A posverdade leva instalada entre nós desde que se aprobou a Lei de Normalización Lingüística en 1983. "Siempre lo están cambiando". Mentira, dúas normativas en 35 anos. Cando lle quitaron o til a ‘sólo’ en castelán non vos vin bourar así. "Se han inventado un gallego que no habla nadie". Porque, claro, todas as linguas do mundo deben ter un rexistro culto estandarizado excepto o galego, que é para afalarlle ás vacas. "Es que el niño saca malas notas en Coñe porque se la dan en gallego". Mais o suspenso en Matemáticas non ten nada que ver coa súa comprensión en castelán. 
"Un gallego de Lugo y otro de Pontevedra no se entienden". Esta foi onte, no Twitter, a conto de que a un profesor de Filosofía dun instituto de Fuenlabrada lle parece fatal todo #LoDelGallego e pensou que sería unha boa idea meterse a sociolingüista das silveiras. Pobriño."

Nota: A ilustración tamén está recollida do diario "El Progreso"

5 comments:

Mª José

Hola !

Acabo de leer el pdf adjunto , muy interesante , añaliza perfectamente la represion que sufrio esta lengua , los prejuicios sobre su uso y el tema del bilingúismo , aunque yo soy de las que piensan que muchas personas que se dicen bilingües , tri.lin etc. no lo son dado que es casi imposible conocer 2,3 lenguas al mismo nivel y ahí entramos en el tema de que hablar lenguas no significa conocer las culturas que transmiten.
Bueno , que el artículo publicado en prensa ... es genial y que me voy no sin antes agradeceros esta entrada

Un saludo :)

Petapeta

Esta mesma xornalista, xunto co fotógrafo José Vázquez publicaron unha reportaxe sobre estas terras no mesmo diario provincial, en marzo de 2011.
Aquí tedes o enlace á publicación

Mª José


Gracias :)

Petapeta

María: Grazas a ti.
Debes ser das seguidoras máis fieis deste caderno.
Unha aperta

Mª José


Creo que habrá muchisimos fieles seguidores , yo soy una de ellos , es verdad ¿ Cómo no ? . Felicidades por vuestro trabajo y otro abrazo :)

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.