24/06/10

Un cabeceiro na Torre (Condes)

Na procura dunhas pedras, achegámonos ata A Torre ( S. Martiño de Condes) e a casualidade, levounos a dar cun cabeceiro que non responde ás normas arquetípicas deste tipo de construcións adxectivas ( non queremos con isto  dicir que sexa peza única, pero si ben escaso, cando menos na actualidade).
Apoiado nunhas padias, a súa estrutura rectangular , ben estreita, está formada por pólas entrelazadas--corras-- e que, debido ao paso dos anos, está axudada por algún arame enferruxado. A cuberta vexetal está reforzada por plástico agrícola tan abondoso no noso agro. Unha pequena porta dá acceso ao interior. Na actualidade parece que o tempo vaino vencendo e vaino tirando cara á dereita sen disimulo ningún.
Aínda está en uso. Felipe Rebolo, o noso informante e tío da propietaria, indicounos "que aínda onte sacaron o maíz".
Este tipo de construcións con data de caducidade, é unha mágoa que se perdan, e cando menos, pretendemos, no camiño iniciado por A Ulloa en fotos, deixar constancia virtual do que foi, e polo que comentamos aínda é, elemento complementario dunha forma de vida.

6 comments:

A Ulloa en fotos

¡Fabuloso!!!¡É unha marabilla!!!!

Facédelle ben fotos para que quede constancia del.

Unha pregunta: ¿o que ten no tellado é uz ou codeso?

Dáme certa envexa, non sabedes ó que me gustaría ter un deses por aquí. O señor José do Carballal díxome a última vez que estiven con el que lle gustaría facer un "deses que se facían antes, que eran como os hórreos pero feitos de varas". Aínda teño a esperanza de que o señor José ó faga.

Non sabedes a alegría que destes.
Moitas gracias.

Apertas dende A Ulloa

Friol

Pois foi como xa dixemos froito da casualidade.
Temos pasado ben veces por diante desa casa pero o certo é que nunca paramos.
Eu é a primeira vez que vexo un deste tipo.
De todas formas nun traballo que Begoña Bas ten sobre "Os nomes galegos dos hórreos..." cita esta tipoloxía.
A pregunta que fas non cha poido contesar. De feito na entrada non o puxemos.
De todas formas creo debe ser uceira pero é apreciación.
Como habemos volver sacarémoste de dúbidas.

Friol

Con respecto ao cabeceiro puntualizar:
Foi construído haberá uns 20-22 anos. O construtor foi José Baamonde da Torre (Condes) --morreu hai 18 anos--
As pólas son de salgueiro, as padias de carballo,a cuberta de xesta e os protectores da cuberta son de albelo.

Anónimo

Até ben poucos anos había dous en Guldriz exactamente iguais, eu teño foto dun deles (de aí foi meu avó) e este de Condes teño unha fotografía dos primeiros anos. Había antigamente abondos por Galiza (As Pontes, San Sadurniño, A Coruña, Costa da Morte, Ordes, Abegondo, etc.), pero agora son escasos.
Un saúdo desde Asturias.
Carlos Xesús Varela Aenlle

Friol

Grazas pola achega.
Aproveitamos para felicitar o teu labor á fronte da Mesa d Defensa do Galego por esas tan queridas terras do Eo-Navia.
Un saúdo

Anónimo

Moitísimas grazas amigos, sempre é de agradecer que a nosa loita se coñeza na Galiza. Grazas.
Aquí deixovos a ligazón, trátase da revista Raigame número 20 da Deputación de Ourense, aí tedes dúas fotografías miñas.
Unha aperta.

http://www.ccpxaquinlorenzo.es/index.php?option=com_phocadownload&view=category&id=1%3Arevista-raigame&Itemid=&lang=gl

ou

http://www.ccpxaquinlorenzo.es/

Carlos Xesús Varela Aenlle

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.