01 setembro 2010

O Doutor López Suárez: 40 anos do seu pasamento

No mes de agosto do ano 1970, concretamente o día 12, falece en Madrid o Doutor López Suárez. Levando o Centro Público Integrado do noso concello o seu nome como cabeceira, e cumpríndose corenta anos do seu pasamento, consideramos un bo inicio para esta nova xeira o dedicarlle un par de entradas a este Don Juan López Suárez, tamén coñecido como Xan de Forcados (por ser Forcados na parroquia de Vilacaíz ( O Saviñao), o lugar do seu nacemento.
Nacido no 1884, doutorouse en Medicina, aínda que non foi esta a súa dedicación principal, agás un pequeno período no que chegou a exercer como médico da Casa Real –en tempos de Afonso XIII—.
Fondamente interesado no desenvolvemento da investigación, fomentou esta a través da súa participación na “Junta de Ampliación de Estudios” e na “Comisión de Estudios de Galicia”. Personaxes da altura de Castelao, Filgueira Valverde, Bal y Gay ,… aproveitaron a oportunidade que López Suárez lles brindase e afondaron nos seus campos de coñecemento respectivos.
Grazas a intervención de López Suárez, evitouse, no primeiro terzo do século XX, que a muralla de Lugo (actualmente Patrimonio da Humanidade) fose derrubada polos intereses políticos e urbanísticos do momento.
Adquiriu ao longo da súa vida cantidade de propiedades, das que destacamos o Pazo de Vilamarín en Ourense, o de Tor en Lugo e a Casa-Torre de Friol.
Participou co seu aporte económico na expedición quee no ano 1952 realizaron un grupo de ornitólogos ao que sería, pouco máis tarde, parque de Doñana, sendo promotor da idea e un dos seus socios fundadores.
Home austero,“home de zoca e polaina” a dicir de Daniel Rodríguez, cando viña a Friol “facía o xantar no café do mesmo nome, sendo o menú uns sinxelos ovos fritidos con chourizo”. Tiña a teima da hixiene persoal, á que consideraba elemento fundamental no desenvolvemento dun país e así recriminaba a falta de aseo sen lle importar quen fose o seu interlocutor.
Este home de mundo, viaxou e formouse nos Estados Unidos e Alemaña, decididamente foi un impulsor de todo aquilo que significase mellora no eido cultural do noso país.

Nota: A fotografía está sacada do libro de Xosé Ramón Fandiño (2003): Juan López Suárez. Edicións do Castro. Sada. Nela podemos ver ao Doutor coa súa dona Mariana Castillejo no xardín da súa casa no Saviñao.

1 comentarios:

Mª José

Grazas por amosar o pensamento de López Suárez . Moi interesantes as duas entradas.

Saúdos et bon comenzo de curso .

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.