04 decembro 2011

D. Vicente Devesa Jul (IV)

D. Vicente Devesa foi tamén un home interesado pola etnografía e máis concretamente pola recuperación da mesma e a súa utilización na escola.
No ano 1967 publica no diario "El Progreso" unha interesante versión da coñecida Cova da Serpe que podemos ler nestoutra entrada do blog.
No 1972 publica un "Cancioneiro Galego" no que recolle corenta e dúas cantigas populares ( dende foliadas a panxoliñas ) recollidas, segundo el mesmo indica no prólogo da publicación, "no meio rural da provincia de Lugo, a través dos nenos da escola, polos mestres de primeiro insino que asistiron aos cursillos agropecuarios". Esta publicación do Centro de Estudos Fingoi era a continuación da publicación dirixida por D. Ricardo Carballo Calero "Contos populares da provincia de Lugo" publicada no ano 1963.
O seu interese pola súa terra natal déixase notar na celebración en terras friolesas de innumerables sesións dos cursos de formación agropecuaria nos anos sesenta. Sesións que tiñan o seu complemento ideal nas visitas organizadas á Torre de San Paio, daquela esquecida das administracións, pero aproveitada para visitas culturais nas que, ás veces, o noso colaborador Higinio M. F. de la Vega servía de cicerone.

0 comentarios:

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.