14/01/09

Historias locais contadas por Quiroga (I)

Abrimos con esta entrada unha ventá á pequena historia local de contos e sucedidos, que nos achega Manuel López Quiroga, e que fala de personaxes que ocupan o seu lugar na historia do concello. 
Xuntáronse nunha ocasión Venido de Áurea e Gilito de Ubaldo. Non era a primeira vez, aparte de veciños eran bos amigos. Despois de tomar uns cazolos de viño, sendo xa de madrugada, díxolle Gilito a Venido: 
- Se viñeses comigo ata a miña casa, coa escopeta matariamos unha ave que me come os pitos.
Dito e feito. Foron pola casa de Venido, colleron a escopeta e a correspondente munición e marcharon para casa de Ubaldo apostándose preto da palleira. Ó rente do día apareceu o miñato sobrevoando pola eira. Toque de atención de Gilito e Venido que apunta, dispara e... cae o miñato encima da palleira. 
Isto fai exclamar a Gilito:
Oe Venido, puidemos aforrar o tiro!. Co golpe que levou morría o mesmo.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.