19/03/09

Ousá. Topónimos do concello rematados en "-á" tónico

Temos en Friol un bo número de topónimos que rematan en "- á" tónico: Agruñá, Argá, Brá, Castrodá, Cotá, Ousá, Pontexiá, Quintá, Quintiá, Romá e Xiá. 
Se nos fixamos no que teñen escrito, tanto J. M. Piel como N. Ares e F. Cabeza, estes nomes de lugares do concello formarían parte da serie de topónimos que na Galicia central, serían o resultado de pospoñer o sufixo adxectival latino "-ana" ao nome dunha determinada posesión terrritorial, xa fose "villa" ou explotación agrícola.
Agruñá, lugar da parroquia de Cotá, sería a evolución dunha "Villa Aproniana" referida ao antropónimo Apronianus.
Argá (de Abaixo e de Arriba) na parroquia de Carlín , fóra do valor topográfico que desvela o segundo elemento, debería ser unha antiga "Villa Argana" dun antigo posuidor Arga .
Brá na parroquia do mesmo nome podería proceder dunha "Villa Verani ou Veranus" . 
Castrodá, na parroquia de Vilalvite, tería, segundo esta teoría, a súa orixe nun Castro de Adá que derivaría do antropónimo Atane (Castrum Atane).  
Cotá, aldea que dá nome á parroquia sería unha "Villa Cottana" sendo aquí *Cottanus , derivado do antropónimo Cot, o amo e señor.
Ousá, topónimo que dá título a esta entrada, tería no antropónimo   *Ausanius ou *Ausius, a súa orixe primixenia.
Quintá na mesma parroquia de S. Xiao de Ousá, sería unha "Villa Quintana", do antropónimo Quintanus.
Quintiá, en S. Martiño de Condes, tería a súa orixe nunha "Villa Quintiana" que faría alusión ao posuidor Quintianus, ou segundo outros autores ao antropónimo gótico Kintila.
Romá, lugar de Santa María de Vilafiz, debeu ser unha "Villa Romana", propia dun Romanus.
Por último, Xiá e Pontexiá farían referencia a unha Villa Egilani. Este topónimo xa foi comentado nestoutra entrada.
De todos estes topónimos hai constancia documental, cando menos en datas  anteriores ao século XII, tanto nos Tombos do Mosteiro de Sobrado como en documentos da Catedral de Lugo.

1 comments:

Anónimo

Noraboa por este blogue, a primeira vista ten unha prespectiva excepcional. Aquí, no CPI de Cuntis temos un pequeno Museo e un blogue (máis persoal) de Historia contemporánea, ademais doutros blogues coma un de Galego de moita sona. Desde esta páxina podedes acceder a todos eles. Moitas grazas e adiante coa recuperación do noso.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.