21/04/09

José Penelas Mouronte: o amargo trago da guerra.

A documentación aportada pola familia, permitiunos facer un sinxelo seguimento do paso pola guerra de José Penelas Mouronte, nacido o 16 de outubro de 1916. O 24 de maio de 1937, con 20 anos, ingresa no "Regimiento Zaragoza nº 30", que tiña o seu mando e plana maior en Lugo. Cada rexemento creaba batallóns (na infantería) que se encadraban en divisións. A 82 división tiña 5 batallóns do Zaragoza 30 (os números 1, 6, 7, 9 e 10), e foi a unidade que contou con máis batallóns. José Penelas estivo no batallón 7. O primeiro xefe era o tenente coronel Manuel Pedreira Castro, que actuou en consellos de guerra sumarísimos celebrados en Lugo. O corpo de Galicia actuou sobre todo no Levante, e moi especialmente en Aragón. Máis ou menos esta é a xeografía que percorre José Penelas:
O 19 de marzo de 1938 é enviado á fronte de Teruel. A batalla de Teruel xa rematara o 20 de febreiro, e organízase o avance cara Cataluña. En agosto de 1938 é enviado á fronte de Tarragona. Un mes antes, Negrín anunciaba a retirada das Brigadas Internacionais. Estamos na fase final da guerra. A ofensiva contra Cataluña atrásase ata o 23 de decembro. Perdemos datos de José Penelas, se ben segue en Cataluña. O 28 de xaneiro é ferido na fronte de Barcelona e enviado ó hospital. Pouco despois regresaba a casa. Loitou no bando nacional, como case todos os friolenses ós que lles tocou ir á guerra. Non tiveron elección. Pero seguro que ter que efectuar disparos, foi para eles o trago máis amargo da súa vida.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.