18/05/09

Celestino Fernández de la Vega

Xa ía sendo hora de falar do “Cilistro”. E que mellor momento que neste mes de maio, no que se lle dedica o “Día das Letras Galegas” ao seu amigo e colaborador Ramón Piñeiro. Pois aí vai:
Entre os fillos ilustres destas terras de Friol, é, sen dúbida, Celestino Fernández de la Vega o máis sobranceiro.
Cilistro, como era coñecido polos seus amigos, naceu en Friol no ano 1914. Os seus pais eran Higinio Fernández de la Vega- notario do concello- do que xa falamos noutra entrada e Ángela Pardo Saavedra ( da liñaxe dos Saavedra).
Seguimos nesta entrada o traballo realizado e publicado por Ramón López Vázquez: "Celestino Fernández de la Vega. Pensador do novo galeguismo"
Na súa infancia tiña sona de ocorrente, con criterio propio, rebelde ante as imposicións e habelencioso, gustaba da música, do fútbol e era un bo nadador. A fama de rapaz intelixente vaino acompañar ó longo da súa vida.
Nunca esqueceu os eidos paternos nin os amigos da infancia. Coñecíano tamén como “O Cerimonias” pola súa arte en sortear todo o que lle saía ó paso. Sempre volveu ó seu lugar de nacemento onde se reunía cos amigos para conversar sobre as melloras necesarias para a comarca. Un proxecto concreto foi o de substituír o vello “Club de Fútbol Friol” pola nova “Sociedade Deportiva e Cultural de Friol”.
Vai estudar a Lugo, primeiro no colexio dos Maristas e logo no Instituto de Bacharelato. Nesta cidade desenvolverá o seu gusto pola lectura e dúas das súas grandes paixóns: a filosofía e o que adoitaba definir como as “cousas de Lugo”.
A pesar do seu gusto pola filosofía, no ano 1931 matricúlase en Dereito en Santiago de Compostela, seguindo así os desexos de seu pai.
Descobre a Rosalía e a Valle-Inclán . Tal era o gusto do escritor pola obra da poetisa galega que todas as noites ó se deitar recitaba o seu poema “Negra sombra”. A Valle-Inclán considerábao como un consumado artista da lingua e un atinado observador dos hábitos mentais e arquetipos antropolóxicos de Galicia.
Celestino destina o seu tempo sobre todo á lectura.
Marcha a Madrid co fin de rematar a súa licenciatura. Aquí ademais de frecuentar a súa vida cultural, ten a posibilidade de compartir tertulias con Unamuno, o ribadense e gran coñecedor da literatura do s. XIX Gamallo Fierros, Baroja... Tamén se pon en contacto con algúns dos integrantes da fornada “Ronsel”, Álvaro Gil, Álvaro Cebreiro, Luís Pimentel...
No ano 1936, no mes de xullo, volve a Lugo de vacacións. A Guerra Civil fai que non poida rematar a carreira ata tres anos despois, cando a contenda finaliza.
Celestino foi mobilizado para combater no bando nacional; a guerra marcaría de forma decisiva a súa obra.
Unha vez concluído o conflito bélico, comezou a preparar as oposicións de Técnico Administrativo, debido á necesidade de procurar o sustento. Aproba as oposición en 1940 e vai destinado ó Goberno Civil de Lugo. No ano 1949 casará coa súa secretaria persoal, Mª Luísa Mercedes Méndez, coa que terá tres fillos.
Á súa volta a Lugo atopará unha cidade empobrecida a todos os niveis, pero aínda así, o apego que lle ten á cidade fará que renuncie a ascender no seu traballo para evitar ser destinado a outro lugar.
Será Ánxel Fole quen o introduce no grupo minoritario de persoas cultas da cidade e o que o pon en contacto , mesmo levándoo á súa casa, con Pimentel. ( Máis adiante será o propio Cilistro o que se encarga da edición do libro póstumo deste poeta "Sombra do aire na herba"). 
Fíxose asiduo de diferentes tertulias ás que asistía Pimentel , Fole, Antonio Figueroa, Luciano Penedo e Ramón Piñeiro entre outros. Así pasa Celestino a formar parte do Lugo intelectual da xeración “Yunque”e, neste ambiente, retomará as ilusións deixadas polo camiño. Unha das principais preocupación deste grupo é a de incorporar a cultura europea a Galicia.
Se antes da Guerra Civil era a literatura e a pintura o que concitaba o seu interese, agora os seus gustos céntranse na poesía, o cine e a música. Sobre estes e outros temas escribirá artigos xornalísticos en distintas publicacións:“El Progreso”, “La Noche”, “Grial” ou “Galicia Emigrante”.
Segundo o traballo "Viaxe arredor de Ánxel Fole" de L. Rodríguez, desta época quédannos numerosas anécdotas xurdidas da súa relación con Ánxel Fole. Se ben todos os amigos cualificaban ó escritor lucense como un ser encantador en toda a dimensión da palabra, tamén recoñecían, e por suposto perdoaban, o seu egocentrismo. Este trazo da súa personalidade, podemos velo, por exemplo, cando nunha das xuntanzas que acostumaban a ter se falou de música e Fole, como a maioría, non sabía nada de técnica musical, o que se poñía en evidencia nas súas intervencións, cousa que non lle gustaba nada ó escritor. Coñecía o nome do autor e o argumento que figuraba na carauta do disco e Celestino teimaba por lle facer comprender que a música non era iso.
Tamén o cine era motivo de controversia entre os dous: Fole tiña bo gusto e intuía onde había calidade, pero os seus coñecementos non pasaban de aí. Por iso sempre que se producía unha discusión que esixise afondar en algo propoñía que o explicase Celestino ( gran amante , por certo das chamadas películas do Oeste).
Cilistro andou tempo cismando na publicación dun libro sobre a paisaxe cousa que para D. Ánxel non merecía outro comentario :“¡que barbaridad!”.
Será nesta época cando ingresa de xeito definitivo no seo da cultura galega. Ata entón, aínda que consideraba un valor cultural fundamental a lingua galega, desde o punto de vista literario sempre botaba man do castelán á hora de facer cousas de “peso”. 
En 1950, cando el mesmo se cualifica de galeguista , o que está a suceder é a cristalización de dez anos ó abrigo dos amigos cos que a diario conversaba. A vocación filosófica de Celestino vai encherse de contido galeguista.
Neste mesmo ano fúndase a Editorial Galaxia, que nace co obxectivo de constituír un eficaz instrumento ó servizo do desenvolvemento universal da lingua galega. Celestino estivo presente no proxecto da editorial desde a súa orixe, aportando ensaios como “Cultura y comunicación” (1951) e “Campanas de Bastabales” (1952), publicados en español por esixencias da censura (o 50% dos textos dun volume debía ir escrito na lingua oficial). 
Familiarizado coas principais correntes do pensamento do momento, atráeo especialmente a filosofía de Heidegger (a quen lía no seu alemán orixinal). Fernández de la Vega traducirá, xunto con Ramón Piñeiro a obra do filósofo xermano "Da esencia da verdade".
Celestino tratou nos seus escritos e conversas as tres características que el consideraba fundamentais do ser galego: a saudade, o sentimento da paisaxe e o humorismo.
Como as súas obras máis importantes podemos sinalar: “Abrente e Solpor da Paisaxe” (1958), editada nun volume colectivo en homenaxe a Otero Pedrayo, e o "Segredo do humor" (1963), na que expón a súa particular concepción do humor. Tamén realizou traducións ó galego de traballos de Julius Pokorny e Martin Heidegger.
Tras varios anos sufrindo unha forte depresión, Fernández de la Vega decidiu pór fin á súa vida en 1986.
A caricatura está feita por Mouriz e a recollida e ordenación da información foi feita por Ana Vázquez

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.