Esta fotografía, que calculamos feita a principios da década dos 60 do pasado século, dános pé para comentar a presenza da ventá, ou máis ben, da muller que se asoma á ventá, no noso folclore.
Tradicionalmente, non tiña boa sona a muller que dedicaba o seu tempo a mirar pola ventá, pois considerábase que non era ese o seu lugar , nunha sociedade na que o peso da casa , cando menos, recaía na muller.
Mentres estaba na ventá, habería cousas que debían estar feitas, ou estar facéndose; cousa que ao estar a rapaza asomada, non era así. Quedan na nosa fraseoloxía expresións do tipo:
"Muller ventaneira, foxe dela á carreira".
"Moza riseira, trouleira e ventaneira, pra quen a queira", coa variante "Muller ventaneira para quen a queira".
E a xeito de recomendación ou aseveración: "A muller na ventana máis perde que gana" que viña sendo "A muller na ventana perde máis que gana".
Xa, subindo o ton crítico, temos tamén: "A muller ventaneira busca quen barata a queira" e os últimos "Muller ventaneira, ou folgazana ou parladeira" que tiña a súa expresión no grado máximo do machismo imperante na sociedade na que naceron estas frases : "Muller ventaneira ou puta ou paroleira".
Nós colgamos esta fotografía, co ánimo de reflectir o interese que tiña a muller por ver algo máis que a rutineira actividade da casa, e que asomaba á ventá coas ganas de ver unha sociedade diferente onde ela mesma tivese un papel ben distinto do que lle tocara interpretar.
Tamén nas regueifas aparecía o feito da "muller ventaneira" como elemento importante das mesmas. Así quedaron coplas como as que seguen, que teñen xa un carácter , digamos que máis amoroso:
Moza que estás na ventá
coas puntas do pano fóra,
retíramas para dentro
que as puntas non me namoran.
Que vén sendo o mesmo que se di na seguinte:
Nena que estás na ventá
coa punta do pano fóra.
¡ Quen me dera verche a cara
que o pano non me enamora!.
Quítate desa ventana
non seas tan ventaneira.
Taberna onde hai bo viño
non necesita bandeira
Nena que estás na ventá
Non sexas tan ventaneira
Que a cuba do bo viño
Non necesita bandeira
Non te asomes á ventana,
non me sexas ventaneira.
Que a cuba de bon viño
non necesita bandeira
Nena que estás na ventana
con ese pano tendido,
con ese pano tendido,
se quixeras ser casada
eu casaría contigo
Ventaniña craveada
de ouro é a encravazón.
A nena que mira dela
rouboume o meu corazón.
3 comments:
Francamente que mala fama tenían las mujeres de la época ( sociedad machista ) com bien dices. Me quedo con las coplas "amorosas"
Me ha encantado leeros !
Buf, o meu pai, que era moi bo home, pero demasiado condicionado por certas tradicións, tíñame prohibido terminantemente estar asomada á ventá. E é que a min non me deixaban moito xogar na rúa e eu consolábame mirando dende as alturas.....
Es un placer leer éstas cosas.
Publicar un comentario