29 decembro 2009

Nena que estás na ventá...

Esta fotografía, que calculamos feita a principios da década dos 60 do pasado século, dános pé para comentar a presenza da ventá, ou máis ben, da muller que se asoma á ventá, no noso folclore.
Tradicionalmente, non tiña boa sona a muller que dedicaba o seu tempo a mirar pola ventá, pois considerábase que  non era ese o seu lugar , nunha sociedade na que o peso da casa , cando menos, recaía na muller.
Mentres estaba na ventá, habería cousas que debían estar feitas, ou estar facéndose; cousa que ao estar a rapaza asomada, non era así. Quedan na nosa fraseoloxía expresións do tipo:
"Muller ventaneira, foxe dela á carreira".
"Moza riseira, trouleira e ventaneira, pra quen a queira", coa variante "Muller ventaneira para quen a queira".
E a xeito de recomendación ou aseveración: "A muller na ventana máis perde que gana" que viña sendo "A muller na ventana perde máis que gana".
Xa, subindo o ton crítico, temos tamén: "A muller ventaneira busca quen barata a queira" e os últimos "Muller ventaneira, ou folgazana ou parladeira" que tiña a súa expresión no grado máximo do machismo imperante na sociedade na que naceron estas frases : "Muller ventaneira ou puta ou paroleira".
Nós colgamos esta fotografía, co ánimo de reflectir o interese que tiña a muller por ver algo máis que a rutineira actividade da casa, e que asomaba á ventá coas ganas de ver unha sociedade diferente onde ela mesma tivese un papel ben distinto do que lle tocara interpretar.
Tamén nas regueifas aparecía o feito da "muller ventaneira" como elemento importante das mesmas. Así quedaron coplas como as que seguen, que teñen xa un carácter , digamos que máis amoroso:
Moza que estás na ventá
coas puntas do pano fóra,
retíramas para dentro
que as puntas non me namoran.
Que vén sendo o mesmo que se di na seguinte:
Nena que estás na ventá
coa punta do pano fóra.
¡ Quen me dera verche a cara
que o pano non me enamora!.

Quítate desa ventana
non seas tan ventaneira.
Taberna onde hai bo viño
non necesita bandeira

Nena que estás na ventá
Non sexas tan ventaneira
Que a cuba do bo viño
Non necesita bandeira

Non te asomes á ventana,
non me sexas ventaneira.
Que a cuba de bon viño
non necesita bandeira

Nena que estás na ventana
con ese pano tendido,
se quixeras ser casada
eu casaría contigo

Ventaniña craveada
de ouro é a encravazón.
A nena que mira dela
rouboume o meu corazón.

3 comentarios:

Mª José

Francamente que mala fama tenían las mujeres de la época ( sociedad machista ) com bien dices. Me quedo con las coplas "amorosas"

Me ha encantado leeros !

HADEX

Buf, o meu pai, que era moi bo home, pero demasiado condicionado por certas tradicións, tíñame prohibido terminantemente estar asomada á ventá. E é que a min non me deixaban moito xogar na rúa e eu consolábame mirando dende as alturas.....

Marcos MT

Es un placer leer éstas cosas.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.