10 marzo 2010

Da Restauración á Guerra Civil (III): D. Benito Saavedra Cotón

Xa fixemos referencia noutra entrada ao pazo de Trasmonte, pazo que ao igual que o de Freixido, en Xiá, ten como fundadores á familia dos Saavedra con casa en Miraz. Aquí facemos mención a D . Benito Saavedra y Cotón.
Non imos desenvolver a súa árbore xenealóxica, citar soamente aos pais do personaxe do que falamos na entrada: D. Francisco de Paula Saavedra y Cotón e Dona Florencia García de Caamaño. Casan no ano 1823 e teñen catro fillos, sendo o citado Benito o único varón e no que recae a herdanza do morgado.
Este D. Benito casou con Rosario Barreiro Vázquez coa que só tivo unha filla, Carmen, que casaría con Celestino Pardo, médico e ,algúns anos, xuíz do concello de Friol e sogro de Higinio Fernandez de la Vega e polo tanto avó de Celestino F. de la Vega.
D. Benito Saavedra y Cotón participou activamente na política do momento, sendo membro da Deputación Provincial ao longo do último terzo do século XIX , ata o seu falecemento.
No ano 1.874 ao quedar disolta a anterior Deputación por orde gubernativa  o Sr. Saavedra é nomeado representante de Friol na devandita corporación, substituíndo a D. José D. Gómez.Isto sucedía en plena I República.
Cremos que nos anos seguintes segue como deputado. no ano 1886 é derrotado nas urnas para despois volver ser elixido no ano 1890.
No ano 1.870, en plena madurez é proposto, e nomeado, Cabaleiro da Real Orde de Carlos III. É Sagasta ,-- curiosamente un seu antípoda político-- daquelas ministro da gobernación no goberno Topete o que asina o devandito nomeamento.
Morre no ano 1894 declarando o bispo de Lugo publicamente a concesión de indulxencias para aqueles que rezasen pola salvación da súa alma nunha nota necrolóxica --non sabemos se pagada pola propia familia ou foi cousa do bispado--. O que si constatamos é que non era habitual este tipo de insercións nos medios de comunicación provincial.
Pertencente ao sector máis conservador do panorama político lucense, a súa presenza na institución provincial dependeu do momento que se estivese a vivir, no que liberais e conservadores pugnaban por ter maior presenza na política da Restauración nesta nosa provincia.
O que si cremos é que nunca D. Benito puido imaxinar o estado de deterioro ao que chegou o seu pazo de Trasmonte.

2 comentarios:

Anónimo

Non sei de onde tirades a información. Dende logo paréceme moi bon o voso traballo. Seguide así.

Paulo V.

Friol

Tocamos moitos paos e polo tanto son moitos os lugares onde procuramos a información.
Neste caso das entradas relacionadas con este período histórico a información obtemola a través da hemeroteca. Múltiples publicacións de fins do XIX e principios do XX dannos a información que imos colgando.
Grazas polo comentario

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.