21/04/10

Curiosa cabeza na Casa da Bouza.

Na casa da Bouza, en Agruñá (Cotá), a fachada ostenta unha curiosa cabeza sobre a que os datos que temos son moi confusos. Tiñamos noticias previas, aínda que contraditorias, entre outras cousas porque a memoria é fráxil e acaba omitindo, modificando ou engadindo datos. Chegamos a ela ao ter noticias (aínda que de boca en boca, pois cada un dá a súa explicación) de que se trataba dunha suposta cabeza protohistórica, pois cando algo chama a atención, por lóxica e por fortuna, nacen as elucubracións. E dicimos por fortuna, porque as elucubracións revalorizan os achados dos que todos nos queremos apropiar, aínda que só sexa polo feito de descubrilos e darlles sona: unha forma sinxela de protexelos e preservalos.
A seguinte noticia que dela recibimos, aínda que de forma indirecta, foi que a cabeza apareceu nos alicerces da casa e decidiron colocala na fachada. Finalmente, achegámonos á casa, e o home que nos recibiu, díxonos que a casa é (ou era) da súa sogra, que foi construída hai case 80 anos, e que a cabeza proviña dunha canteira próxima (que non soubo especificar).
Ata aquí os datos, ben imprecisos. A nós, e despois de examinar case todas as imaxes que se dan por válidas de cabezas castrexas, parécenos difícil aceptar que se trate dunha obra tan antiga. Tamén é certo que datala é imposible, sobre todo se temos en conta as sucesivas transformacións que debeu sufrir. Polo visto, o noso informante, consciente e orgulloso de ter algo distintivo, decidiu "restaurala", aplicándolle un chorro de auga a presión (de aí que os trazos parezan acabados de esculpir), reforzándoa con cemento, e colocándolle esa lousa sobre a cabeza para protexela da chuvia. Boas intencións que, polo menos, aseguran a súa permanencia, reforzada polas visitas de curiosos (nós mesmos) que ata alí se achegan.
Por que non nos parece unha cabeza castrexa? Ten unha plasticidade demasiado actual, a pesar da economía de trazos e deses ollos pechados e amendoados. Esa carnosidade do rostro non ten parangón coas cabezas trofeo castrexas, nin tampouco o elaborado cabelo de deseño xeométrico. As cabezas castrexas non tiñan pelo; como moito, a cabeza de Rubiás, presenta algunha incisión que algún relaciona co perfil dun casco.
En todo caso, a presenza desta cabeza nun lugar visible e preferente (na fachada que dá ao camiño veciñal) é digna de reflexión. As cabezas trofeo castrexas tamén decoraban as paredes das casas, e tiñan un significado de trofeo, apotropaico, ou relixioso. Segundo Calo Lourido, por influencia romana serían "ius imagine" ou representacións de defuntos, pero o mesmo autor di que moitas destas cabezas podían ser entretementos de calquer artesán ou restos de canzorros románicos. Sabemos que o románico aproveitou, asimilou e reinterpretou restos pagáns, ben por cristianizalos, ben por puro sincretismo, ou por todo á vez. En todo caso, o que foi simbólico no pasado, seguiuno sendo, aínda que o contido mute ou se enmascare. E aquí entramos na nosa interpretación desta singular cabeza, seguramente tardía (nin castrexa, nin románica):
O simbolismo apotropaico das antigas cabezas perdurou no devir dos tempos: reutilizando ou reelaborando. Do contrario, que fai unha cabeza casualmente atopada, pero conscientemente colocada nun lugar tan preeminente?. Estamos ante unha peza reelaborada non sabemos cando, probablemente a partir de modelos máis antigos, e reinterpretada e actualizada en tempos recentes, que de forma non tan casual, acaba ocupando o mesmo lugar e coa mesma intención inconsciente. Xa na simboloxía románica, as cabezas humanas eran expresión do noso intelecto e das nosas calidades, a parte máis nobre e máis afastada do pecaminoso, retomando ese sentido de protección que desde tempos ignotos tiveron. Polo mesmo, podemos pensar que protexen as vivendas do maligno. Un interesante traballo que podedes atopar na rede e publicado en Cuadernos de Estudios Galegos, fala desta apropiación simbólica da cultura material castrexa, e aporta un dato curioso sobre unha cabeza (páx. 116) situada á entrada dunha finca. O seu propietario di que "ter iso ahí, é como ter a garda civil". Tamén neste caso, é difícil soster unha adscrición castrexa á peza, pero o trasfondo, demostra un continuismo sorprendente.

3 comments:

A Ulloa en fotos

Deberías engadir unha foto na que se vexa o lugar no que se atopa a cabeza respecto da fachada da casa. Normalmente os símbolos protectores póñense preto das portas e moitas delas dan cara o sur.

Por certo ¿cara onde mira esta?

Algalia

Pois sí, tes razón. Xa o pensei. O problema é que teño que volver. Non sei se che pasa a ti, pero a min moitas veces. Vou facer fotografías e ás veces fago de máis e as veces de menos, e despois arrepíntome por non sacar fotos determinadas que completarían a análise. Efectivamente a cabeza está preto dunha porta. Cando estiven alí estaba tan obesionada coa cabeza, que só lle saquei fotos á cabeza. Tampouco fun estricta á hora de fixarme na orientación, pero eu diría que era suroeste.
Saúdos e grazas polo comentario (e a precisión).

A Ulloa en fotos

O de facer fotos de mais ou de menos pásame sempre. A sorte de vivir no sitio é que sempre podes volver, pero isto tamén ten o seu lado negativo, moitas veces cando volves xa nada é igual, nin o interés que tiñas antes nin o obxecto en cuestión. Cousas...

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.