O sábado, como estaba previsto, desenvolvéronse no Centro Sociocultural de Friol, as actividades programadas polos organizadores da Xornada de Convivencia arredor da Ruta das Feiras.
Aproveitamos a primeira parte das sesións da tarde para presentar o blog "Friol: Algo máis que pan e queixo" e para que o noso grupo de teatro puxese en escena "Deixémonos de Dindirindainas!".
O presidente da Asociación Terras de Lugo, Álvaro Santos fíxonos entrega dun agasallo ( a reprodución dun pendello, construción característica dos nosos campos das feiras) o que agradecemos desde estas páxinas.
Cambiando de rexistro só queda por informar que o próximo mércores día 22 a partir das once da mañá o grupo de pandeireteiras do C.P.I. Dr. López Suárez, xuntos cos alumnos e alumnas de 1º de E.S.O. sairán cantar os reis pola vila friolesa adiante.
Este ano incorporamos a algún dos cantos, algunhas estrofas ( unha recollida na parroquia de Xiá e outra na parroquia de Silvela) que achegaron os avós dos alumnos Luís Miguel Márquez Carregal e Alejandro Sánchez Estraviz.Pasan a formar parte do noso repertorio. Son dúas estrofas do clásico canto de despedida e din así:
Cantámosche os reises
canelas de cabra
Cantámosche os reises
non nos deches nada
Non nos deches nada
nin sequera cousa
de hoxe nun ano
estés baixo da lousa
Cantámosche os reises
canela de cabra
Cantámosche os reises
non nos deches nada
Aquí non nos deron,
aquí nos darán
o cu da cadela
e o rabo dun can.
As fotografías son do diario El Progreso e do blog dos Amigos do Patrimonio de Castroverde.
0 comments:
Publicar un comentario