A parroquia de Silvela, na zona oriental do concello, paso obrigado do Camiño de Santiago antes de entrar na provincia da Coruña e chegar a Sobrado dos Monxes, recolle na súa xeografía os topónimos que pasamos a comentar:
Silvela, que dá nome á parroquia, aparece mencionada nos Tombos do Mosteiro de Sobrado nos anos 1212 e 1223 como Siluela. Este fitónimo sería o diminutivo de silva que co paso do tempo converteuse no nome persoal Silva. Nesta parroquia ten as súas orixes Francisco Silvela o que fora lider do Partido Conservador á morte de Cánovas e que chegou a ser presidente do goberno a fins do XIX e principios do XX. De feito durante a rexente Mª Cristina de Habsburgo, creou o Marquesado de Santa María de Silvela para recoñecer os seus servizos.
O Espiño, podería facérmonos pensar nun fitónimo, pero, seguindo a Cabeza Quiles, máis ben debemos pensar nun orónimo por facer referencia metafórica ao "spina" latino, no senso de lombo ou espiñazo que é a forma que a terra adopta nese lugar; é dicir estariamos diante dunha lomba.
Busto, sería unha extension de terra dedicada a pasto do gando xa o comentamos cando falamos da toponimia de Condes e nos referimos ao diminutivo Bustelo.
A Eirexe, lugar onde se situa a ecclesia (de orixe románica) desta parroquia.
O Cango, segundo Nicandro Ares, sería outro orónimo indicativo dunha pequena depresión, tendo a orixe na prerromana *cambica.
O Campelo,diminutivo de campo; lugar ben coñecido pola presenza dunhas instalacións que deron ben que falar e ao que lle dedicaremos unha entrada en breve.
A Pallota que sería unha cabana, palloza.
Os Carrelos, pode que fagan alusión como di N.Ares a Currelos que en ámbolos dous casos serían diminutivos de carrus/currus. De todas formas podería facer referencia ao lugar onde se acumulan os mollos con espiga postos uns encima dos outros, ou mesmo ao abundancial da chycorium sp, coñecido como carrelo.
A Marcela, procedería do antropónimo feminino latino Marcella --o masculino Marcellus dá orixe ao abondoso Marcelle da nosa xeografía galega--
Pedramaior sería a Petra maior, podendo este maior facer mención ao antropónimo Maior, ben frecuente na Galicia medieval.
Do topónimo Reción di Nicandro Ares que aparece citado nos Tombos do Mosteiro de Sobrado como Rezion, Ricione, Riciui e Rizion que sería derivado do antropónimo xermánico Ricilone.
Tamen segundo Ares, A Covariza procedería dunha villa Queirici -antropónimo xermánico.
As Petas, segundo Nicandro Ares a orixe sería unha "petita, plural de petitum", no senso de demandas xudiciais ou ben o verbo petar.
O Cibreiro: Como Zebrario, Zevrario, Zebreiro, aparece citado nos Tombos de Sobrado. Á posibilidade que faga referencia ao "ecifera" latino --egua brava-- ou a zephyrus --golpe de vento e chuvia fría-- que acae ben pola situación do lugar -- segundo Ares; engadimos nós a posibilidade dun abundancial de cebros --acebos--.
O Pardiñeiro, di Ares que viría dun -- parietinae-- paredes vellas dunha construción. Quiles indica á posible referencia a unha construción adxectiva onde gardar o gando ou os trebellos de labranza . De feito recolle nun escrito do s. XVII falando dunha casa de Santiago de Compostela "cassa sita en la calle del Franco con su huerta y pardiñeiro". No s. XIII cita a venda dunha herdade " excepto illo pardinario de Johanne Aluitiz quod iacet contra fontem...".
Corteporcos, parece evidente que sería un lugar pechado destinado aos porcos.
3 comments:
PUEBLO DONDE NACIÓN MI PADRE: RAMÓN RIVAS fERNANDEZ
Otras familias del lugar amigos de mi padre: Familia Fernandez Peteiro
Engadimos aquí unha achega que non é máis ca unha dúbida en voz alta:
Nas referencias a PedraMaior,nos Tombos de Sobrado, atopamos o punto xeográfico inequívoco como Portam Maiorem ( sempre citada entre A Armada e Silvela)o que coincide coa xeografía que coñecemos.
Como exemplo: "istos terminos, uidelicet per regum de Armata et inde per Portam Maiorem, et inde per serram montis quomodo diuiditur de Siluela,et..."
Esta cita pertence a un documento do século XIII, pero hai algún máis.
O paso de Porta a Pedra é algo que non sería moi improbable pois quen nos di que non coexistirían nalgún momento. Dado que o lugar é paso do Camiño que deslinda dúas abas e que permite avistar por vez primeira as terras de Sobrado non sería iluso pensar en citar o lugar como a gran porta que aveciñaba o potente mosteiro.
Publicar un comentario