Xa comentamos nestoutra entrada o topónimo que dá nome á parroquia; agora completamos o estudo dos outros topónimos da mesma
A Devesa: para explicar este primeiro topónimo podemos reler o xa comentado na entrada referente a Santalla da Devesa.
A Carballosa viría sendo un lugar abondoso en carballos do prerromamo *carba.
Paredes: podemos reler a información sobre o lugar recollido na parroquia de Carballo.
Portolamas: Encontrámonos aquí un "portus" -paso- e "lama" -segundo o dicionario da RAG "masa branda que se forma ao mesturarse terra, area, follas etc., con auga",
nome de posible orixe prerromana que chegou ata nós a través do latín.
O Río: topónimo con orixe no "rivus" latino.
O Curral dos Mateos e O Curral dos Paos corresponderíanse "cun espazo --segundo definición do dicionario da RAG- situado preto ou a carón da casa labrega, descuberto e xeralmente valado, onde se ceiban certos animais domésticos, se gardan os apeiros ou o carro, a leña ou o toxo etc". No primeiro caso faríase referencia a uns seus posibles posuidores 'Matheus'. No segundo os paos non debemos confundilos cos tan comúns "paus", aínda qque non nos atrevemos a indicar a súa orixe, si podemos dicir que o topónimo Paos atopámolo na actualidade no concello de Muras e na parrqouia de Lira, Carnota; por outra parte indicar que en actas notariais do século XIII encontrámonos Villa de Paos:
"Sabian quantos eſta carta uiren, como nos, don Jullao, albad de Samoos, τ o conuento deſſe lugar, damos a uos, Pedro Diaz, τ a un uoſſo fillo ou filla, qual nomeardeſ, a uoſſa morte, o noſſo caſal de Uilla de Paos que pertenʢe aa meſa do albad, con todas ſuas dereyturas τ perteneʢas, ao qual dizen Cima de Uilla" texto que non garda relación ningungha con Anafreita pero que reflicte a existencia deste escuro topónimo dende antigo.
A Braña: Segundo o Dicionario da RAG é un "terreo moi húmido que pode ser prado ou monte baixo". Comenta Tato Plaza, F.R que a etimoloxía desta palabra redúcese a tres hipóteses: unha posible orixe prerromana, tal vez do céltico '*brakna', latinizado en bragna; outra posibilidade sería que viñese do latino 'vorago' e por último que tivese a súa orixe no latino '*vērānea' como pastos de verán - aínda que hai quen pon en cuestión esta última posibilidade.
Pardiñeira: Encontrámonos xa cun Pardiñeiro na parroquia de Silvela e a esa entrada diriximos o comentario do topónimo. Porén non queremos deixar pasar a ocasión de citar a tradución do Cancioneiro da poesía céltica de Julius Pokorny feita por Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro no afastado ano do 1952 e no que se reflicte a presenza viva deste vocábulo e indica ben ás claras o seu significado de ruinoso e deshabitado que lle dá o dicionario da RAG.:
" Medran as silvas de agudas espiñas arredor da fortaleza pardiñeira.
Froito pesado cobre o duro terreo.
Caen as abelás - ¡ colleita ben boa , abofellas ! -
das abelaneiras
do outo do castelo"
0 comments:
Publicar un comentario