29/03/09

Carlín: notas sobre imaxinaría.

Despois do Concilio de Trento aséntanse as bases estéticas da nosa imaxinaría procesional. A devoción mariana sae reforzada, e as procesións cobran un auxe espectacular como medio idóneo para achegar o divino ó pobo e espertar neste a sensibilidade relixiosa. Acentúase a teatralidade e o dramatismo para que o espectador participe emocionalmente no que está vendo.
En Carlín, as imaxes da Nosa Señora do Ermo e da Virxe do Rosario, encádranse no contexto descrito. Pertencen á tipoloxía das imaxes de vestir, que tiveron a súa gran época nos séculos XVII e XVIII. Segundo González Reboredo (Carlín. Friol, en Inventario de Lugo y su provincia. II, Madrid; pp62-63), a imaxe da Virxe do Ermo é unha obra de orixe medieval, S.XV. A nós parécenos unha datación errónea, pois foi no Barroco cando estas imaxes se popularizan.
As imaxes de vestir só teñen unha estrutura de soporte, polo que o escultor debe condensar toda a expresividade en poucos elementos: rostro e mans. A teatralidade do Barroco explica o éxito que esta tipoloxía adquire, pois o movemento das teas durante a procesión contribuía a darlles vida e facer crible o sobrenatural.
Para acentuar o realismo, dende finais do S.XVII e sobre todo no XVIII, empréganse elementos postizos, como bágoas de cristal, pestanas e cabeleira de pelo natural, e tamén outros complementos, como o rosario ou a coroa, que simboliza a realeza de María como nai de Deus e Señora do Universo.

1 comments:

jmae

Esta non e a imaxe antigua a que fai alusión o inventario, a imaxe antigua era de bulto redondo (talla de Madeira) garzas que conservase Unha foto.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.