25 outubro 2010

D. Julio Castro Ves: O exilio interior

Este personaxe que hoxe nos ocupa, Don Julio Castro Ves, era, para todos cos que falamos, un home de ben, recto , austero, e, en definitiva, boa persoa.
Este lugués, nacido o 27 de outubro de 1881,  era fillo de D. Victorino Castro Viñas-- farmacéutico con botica na rúa San Pedro de Lugo, compañeiro de tertulia de D. Nicolás Salmerón, cando este estivo confinado nesa  cidade-- e de Dª Juana Ves Losada. O seu domicilio familiar estaba na rúa de San Roque nº 25, esquina á rúa das Hortas.
Farmacéutico como o seu pai, tivo farmacia no número 2 da  rúa San Pedro ( pegada á Casa Consistorial), ata o ano 1918, no que a traspasaría a D. Manuel Figueroa. Cremos que o traspaso debeuse a unha posible incompatibilidade co cargo de farmacéutico do Hospital Provincial que tamén desenvolvía D. Julio..
Home inquedo e de ideas non excesivamente convencionais para o Lugo daqueles días, foi dos primeiros en practicar diferentes deportes, xunto con algún dos seus irmáns; aparecendo nos xornais de principios de século como un "sportman"-- que así os denominaba a prensa local--: fútbol, ciclismo, tiro, motorismo,...eran especialidades da súa querenza, que desenvolveu na primeira década do século pasado --segundo A. Fole--.
Participou activamente na política lucense: Presentouse ás eleccións municipais polo concello de Lugo no ano 1917, sen ser elixido, o que cremos provocou certo malestar que xustificaría a súa desaparición des posteriores contendas electorais. Foi vogal da directiva da Alianza Republicana lucense (1931), presidida por D. Rafael de Vega. (cf. El Regional,9-V-1931). Tamén era membro da masonería, pertencendo á Loxia Lucus nº 5: Unha persoa cun perfil complicado para os tempos que se aveciñaban.
Foi un dos oradores, xunto con D. Rafael de Vega, que desde a balconada do concello de Lugo deu a   benvida a II República o mesmo día 14 de abril de 1931.
Anxel Fole no seu "Cartafolio de Lugo", (páx. 172) cando fai referencia á algarada producida á raíz da celebración dun banquete organizado pola Unión Monárquica Nacional , no Méndez Núñez, e que contaba coa presenza de J. Calvo Sotelo; cita na súa "Crónica rimada da cibdade de Lugo" a este Castro Ves:
"Brincaba o Abelardo,
corría o Quirogués,
voaba López Pardo
diante do Castro Ves"
O 1 de abril do ano 1918 -despois do traspaso da farmacia xa citada-- consegue a licenza de apertura para unha nova farmacia, neste caso en Friol. Descoñecemos os motivos polos que nesa data ,a pesar de gozar da licenza, non abriu a farmacia en Friol.
Anos máis tarde, despois da guerra civil foille aberto un expediente polo Tribunal Especial para la represión de la Masonería y el  Comunismo", que no ano 1945 ( 29 de setembro) foi sobresido.
Segundo as informacións que posuímos, é neste momento cando si abre a farmacia en Friol, a Farmacia da Ponte,que atendía, o que posteriormente sería alcalde friolés, D. Enrique Camoira-- anos máis tarde emigrado á G. Bretaña--. Contan que realmente D. Julio poñía o título e D. Enrique a mercadoría e o traballo. "Parece ser que o Sr Castro Ves percibía unha pequena renda, o estritamente necesario para levar unha vida digna e austera".
Vivía en Friol, no Campo da Feira, concretamente nunha vivenda hoxe destinada a almacén de pensos e que cremos pertencía á familia dos Grande, ao igual que a vivenda na que estaba instalado o seu negocio.
Friol era un lugar perfecto para pasar desapercibido e ao tempo non xerar as incomodidades ideolóxicas que podía provocar na capital.
Home áxil de mente e de corpo, era amante dos nenos ( levábaos con el de pesca á ponte do Narla) e dos animais (de feito máis dun susto ten levado algunha veciña por térénselle escapado pequenos animais e aparecer en casas alleas coa conseguinte turbación). "Ás veces víaselle diante da casa rodeado de paxariños, algúns deles pousados nos seus ombros ou comendo na súa palma da man"
Nada amigo da Igrexa, nunha ocasión --relata Higinio M. F. de la Vega-- "haberá uns cincuenta anos (sobre o ano 1960) un predicador percorría as rúas de Friol, con nenos e nenas, cantando versos ensaiados con anterioridade,e vendo os rapaces a D. Julio diante da farmacia da ponte, suxeríronlle ó frade a seguinte cantiga:
Yo no voy a la Iglesia
porque estoy cojo
pero voy a la taberna
poquito a poco.
Entón o Sr. Castro Ves , dándose por aludido, e movendo o seu acostumado e , ata certo punto, necesario caxato, replicou:
Yo no voy a la Iglesia
porque no quiero
mantener holgazanes
con mi dinero".
A pesar da copliña, non era precisamente D. Julio, frecuentador dos ambientes tabernarios como parece indicar a letriña, " aínda que de vez en cando entraba en establecementos hostaleiros para tomar un vaso de viño, petiscar algunha tapa e ao mesmo tempo conversar un pouco".
Morre o 23 de decembro de 1972, aos noventa e un anos, e con el desaparece tamén esa farmacia.
A fotografía é das casas construídas por Antonio do Grande, cando volveu de Cuba, e na que estivo instalada a farmacia que comentamos. 
P.S. Queremos dar as grazas a Higinio M. F. de la Vega, por nos poñer na pista deste home e relatarnos os detalles que completan as pequenas pinceladas biográficas que aquí quedan expostas .  

5 comentarios:

Anónimo

Polo que teño oido do Sr. Castroves este non era un defensor do Galego precisamente.

Gazafello

Aínda que non o publicamos temos constancia de que na memoria da xente de Friol, este Castro Ves " era castellano o así, falaba moi ben o castellano"-- chegáronnos a dicir--.
Seguro que oíches ben.
Cremos-- non temos a certeza-- de que a nai non era galega, de Albacete concretamente, e de aí os comentarios que chegaron a nós.
Seguramente, ademais, polo perfil do personaxe, seguro que levas razón no teu comentario.
Isto non obvia o feito de ser un "represaliado" máis da ditadura.

Friol

Recentemente o concello de Lugo, colgou na rede un enlace onde se reflicte o listado de vítimas da represión franquista.
Nesta aparece recollida a súa entrada no cárcere lugués por primeira vez en setembro de 1937 e polo que indica a ficha volveu ingresar posteriormente, estando rexistrada a derradeira saída deste cárcere o catro de abril de 1938. Os delitos dos que foi acusado serían: "actividade perigosa o que lle significou unha multa.

Friol

Por último indicar que a letriña que cita Fole no seu Cartafolio podería facer referencia a un seu irmán (Bienvenido) xefe da policía local nos tempos da República e que posteriormente foi encarcerado e condenado a cadea perpetua e trasladado ao cárcere de Pamplona.

tTato

Eo estiven na presentación da revista oral CASTRONELA na torre de Xia, e alí falouse de Don Julio e Don Higineo decia que ninguen podia entrar na sua casa. Eo recordo e sei que os nenos sempre fomos xogar a sua casa ata tiña un columpio nunga viga e facia caramelos para nos, curiosamente paar abrir a porta tiña un artiluxio feito cos carretes de madeira dos fios de coser, e na farmacia mercabanos as chapas da s botellas de auga.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.