O sete de xaneiro de 1959, hai setenta e cinco anos, falecía en Bos Aires, Afonso Rodríguez Castelao.
Con tal motivo a Xunta declarou este ano 2025 como "Ano Castelao".
Desde a propia Xunta e desde as diferentes institucións que traballan pola cultura do país, están propostas infinidade de actividades que farán fincapé na importancia de Castelao na vida cultural e política galega.
Di Freixanes que “xunto con Rosalía de Castro, Castelao é o primeiro referente da galeguidade. Rosalía de Castro no século XIX. Castelao no século XX.”
Desde este recuncho, sumámonos á celebración e lembramos, seguindo os xornais do momento, como no ano 1931, concretamente o 15 de agosto, ás once da mañá, desenvolveuse na vila friolesa un mitin galeguista no que interviron Ramón Otero Pedrayo, Ramón Martínez López e o propio Castelao.
Acababa de ser proclamada a II República e innumerables personalidades da cultura galega empurraban con entusiasmo para a creación dun Partido Galeguista, feito que se faría realidade no derradeiro mes dese mesmo ano 1931.
Deberon callar as ideas sementadas nese acto friolés, pois anos máis tarde chegaríase á creación dunha cédula ben activa do propio Partido Galeguista, na parroquia de Cotá ( ver entrada)
Non sería o último mitin galeguista daqueles anos pois como xa comentamos noutras entradas no ano 35 houbo xuntanzas aparte de na propia vila, en Cotá ( coincidindo coa celebración das feiras).
Aproveitemos este ano para afondar no coñecemento da obra e pensamento deste rianxeiro universal.
Actos vai haber e lecturas hai a esgalla para recoñecer Castelao como insigne creador de cultura e pensamento ao longo da súa vida, aquén e alén do Atlántico.
Deixamos ligazón á páxina da RAG que creou un apartado específico para esta celebración (ver ligazón)
0 comments:
Publicar un comentario