05/11/08

Pazo de Freixido

Situado na parroquia de Xiá, as súas orixes remóntanse ao S.XV. Xunto co pazo de Trasmonte e o pazo-fortaleza de Friol, é un dos raros exemplos que en Galicia perduran de pazos renacentistas. A planta ten forma de L. No ángulo Oeste aínda se poden apreciar as bases da primitiva edificación. A parte máis señorial e mellor conservada está no ángulo Leste. Aquí observamos unha fábrica de boa calidade e cantería regular, con predominio da masa pétrea e un único van. A porta é de medio punto decorada con doelas. Os señores fundadores do pazo parece que estaban emparentados coa liñaxe dos Saavedra, a súa vez señores de Miraz.

2 comments:

Anónimo

Na actualidade son dous os veciños que comparten a vivenda debido ás partillas feitas no seu momento: Un é a Casa de Andrade e outra a Casa de Asunción

Carricoba

Comentario achegado por H.M.F.V.
O primeiro Señor do Pazo de Freixido é D.Fernando Rodil de Ron.
O quinto Señor de dito Pazo, a mediados do século XVII, é D. Alonso de Ron Rodil e Tovar, que casou con Dª Antonia Saavedra y Sotomayor. Esta Dª Antonia entendemos que era irmá de D. Diego Saavedra y Sotomayor, oriúndo de Trasmonte e Señor do Pazo do mesmo nome.
Así pois por razón deste matrimonio os señores de Freixido estaban emparentados cos Saavedra.
Os pazos de Trasmonte e Freixido posiblemente foron construídos na mesma época, pois son os dous de estilo renacentista e quen sabe se foi o mesmo mestre o que dirixiu os traballos.
A derradeira xeración corresponde a unha muller, Dª Manuela Ron Buján, nacida en Freixido, que casou con D. Leandro Fraga Gómez, procedente do Pazo da Fraga. os cales venderon o Pazo e as terras e foron a vivir a Melide. Filla deste matrimonio é Dº Carmen Fraga Ron, que a súa vez e nai, entre outros, de D.JESUS VARELA FRAGA, ata datas recentes Decano do Ilustre Colexio de Avogados de A Coruña.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.