Que Friol é un concello lendario queda reflectido no actual escudo oficial aprobado pola Corporación no ano 1.990. E precisamente, é a lenda que nos ocupa a que dá orixe ao emblema municipal. Como non podía ser doutro xeito, a Torre de Xiá fai acto de presenza na mesma ao través dun dos seus posuidores.
Ao parecer o Señor da Torre de San Paio tiña unha filla, Berta, moi amiga de percorrer o couto do seu pai a cabalo. Nunha destas correrías a besta desbocouse e, diante do perigo que supuña tal situación para a dama , un valente e ousado campesiño botouse na axuda de tal distinguida amazona. Berta quedou, non só agradecida, senón tamén cativada de tan garrido rapaz.
O que foi unha acción salvadora converteuse, en breve, nun apaixonado romance entre dous seres de diferente estamento social. Pasado o tempo, o pai de Berta é sabedor da relación amorosa da súa filla e tenta por tódolos medios cortar tal situación. O Señor da Torre non podía permitir que a súa nobre filla fose conquistada por un simple campesiño.
Os mozos preparan unha fuxida urxente pero o pai e os seus servidores, avisados, marchan na súa persecución. Os noivos agóchanse na Cova , tamén coñecida como Pena Furada, coa intención de despistar aos perseguidores, pero ao se introducir na mesma , unha enorme serpe bótase á rapaza. O galán actúa rapidamente, saca un puñal que leva consigo e loita co réptil a morte. O home logra cravarlle a arma á serpe pero esta acaba tamén coa vida do rapaz. A partir deste momento a cova pasa a chamarse a Cova da Serpe e, ao tempo, a cadea montañosa á que pertence tal monte.
Tamén relacionada coa Cova da Serpe , neste blog hai publicada outra lenda.
Tamén relacionada coa Cova da Serpe , neste blog hai publicada outra lenda.
1 comments:
Algúns falan de que oplebeo foi enterrado no adro da igrexa de Friol e a rapaza no lugar de Bertamil , parroquia de Xiá e polo tanto próxima ao castelo. Mesmo se conta que foi neses lugar onde a rapaza sufrira o percance ecuestre.
Triste final para unha historia de amor imposible
Publicar un comentario