"Friol: Algo máis que pan e queixo" quere facer un chamamento á cordura , que non parece sexa a que guíe os primeiros pasos dados polo novo conselleiro. Gustaríanos saber a quen lle hai que dar máis credibilidade con respecto a esta pseudoconsulta que pretenden pasar como democrática, cando calquera observador imparcial a entende como algo sesgado e sen valor real ningún, cando nin sequera recolle tódalas posibilidades que ofrece o marco legal.
Diante de tal proposta "A Mesa pola Normalización Lingüística, xunto con outras organizacións con presenza no ámbito educativo, consensuou un posicionamento fortemente crítico coa consulta que está a realizar a Consellería de Educación. Ademais da propia Mesa, subscribiron ese posicionamento a Asociación de Directores e Directivos dos I.E.S., a AS-PG, CC.OO, CIG, Comités, Coordenadora de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística de Ferrolterra, Coordenadora de Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística de Compostela, Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, CSI-CSIF, Federación de ANPAs de centros públicos de Ferrolterra, FETE-UXT, Nova Escola Galega e STEG.
Tendo en conta as valoracións realizadas nese posicionamento unitario, A Mesa realiza as seguintes propostas para facermos unha oposición activa a esta pseudoconsulta:
Marcar a opción “galego” (en infantil e FP) e “todo en galego” (primaria e secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non a considera a Consellería.
Incluír na epígrafe de observacións da consulta unha petición semellante á que se expresa a continuación:
Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento galego.
Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.
Cómpre que se dean a coñecer estas propostas ás familias con estudantes que vaian participar na consulta. Temos só esta semana e a vindeira (até o día 19) para o facermos.
Así mesmo, podemos divulgar unha sms co seguinte texto: “Consulta ensino en galego: Sinala galego/todo galego". En observacións pon: "Todo o ensino en galego. Aplicación actual decreto. Deslexitimo resultado da consulta.”
4 comments:
Eu tamén son bilingüe,e como tal tamén creo ter dereito a escoller o especialista - médico- que se dirixa na mesma miña lingua, facer cola para ser atendido polo funcionario da xustiza que domine o galego, que cando vou ao concello nonteña que ver fuciños retorcidos por usar a miña lingua. Ou é que só miramos os dereitos dalgúns?
Habería tamén que consultarnos a nós sobre a lingua na que queremos ser atendidos en Urxencias, cando imos pagar os nosos impostos...
En fin, gustaríame, de verdade gozar do bilingüismo.
É curioso, eu comecei a estudiar a asinatura de galego (por suposto non había mais asinaturas que se desen en galego) en 6º da antiga EXB. En toda a miña ensinanza (incluída a universidade) só un profesor dunha asinatura diferente falaba en galego. Podo expresarme correctísimamente en castelán, pero a cantidade de faltas que cometo cando falo ou escribo en galego... ¿a qué se deberá?
A pregunta ten o seu aquel.
Polo que falas e intúo, xa hai anos diso que falas. Seguramente nin sequera estaba pactada -- aínda que mal polo que se viu máis adiante-- as Normas ortográficas do Galego do ano 82.
Posteriormente houbo diferentes modificacións, para rematar de momento na nova ortografía do 2.003.
Ata esas datas cadaquén ía escribindo como podía, dependendo das fontes nas que bebese e, en absoluto había un criterio unificado- aínda hoxe hai diferentes posibilidades , non oficialmente pero si na realidade--
Como estabamos diante dunha lingua con predominancia oral pois , digamos que valía todo.
Direiche que os primeiros textos que se empregaron , dependendo da editorial estaban dun ou doutro xeito.
Por outra parte, a escasa consideración que se lle daba á nosa lingua desde a administración pois ... que queres que che diga?.
Realmente con tanta TVG, con tantos discursos dos políticos da "perrón", o galego quedou como lingua litúrxica - a expresión non é miña-- Bótase o discurso público e despois a seguir co noso castelanciño.
En resumo, ti, eu, e moita máis xente empregamos o galego dependendo das nosas posibilidades informativas por un lado, e formativas polo outro.
Pero como eu creo que unha lingua é bastante máis que os signos que a representan, pois ( isto non o podo dicir academicamente, é obvio)o importante é o seu uso e quizás o aspecto máis formalista ortográfico é mellor deixalo nun segundo nivel. Hoxe ademais , querendo escribir sen erros, temos a tecnoloxía, os correctores --que aínda que non sexan a panacea, botan unha moi boa man-
Isto con respecto ao académico puro,tamén hai factores sociais que determinan o desinterese da escrita e salvar a situación cun " eu escribo mal en galego pero non o sei facer doutra forma... que queres?" ( ideoloxicamente é unha postura derrotista). Repito están os correctores.
E tampouco,creo que xa cho comentei noutras ocasións, me preocuparía demasiado.
E se te expresas como dis en castelán e non en galego está claro , evidentemente, que sendo unha boa esponxa educativa, fixeron contigo máis fincapé nunha lingua que na outra. E isto é a verdade do barqueiro.
Agora parece que queren que deamos o galego en chinés.Sinceramente eu co "chino" non me vexo.
Gustaríame matizar algho que di o primeiro comentario. Claro que podemos reclamar ser atendidos en galego, pero tamén temos que saber que non en todos os lados podemos pidir iso, hai cousas que escapan á leghalidade, si. Non hai lexislación específica no caso dos médicos, como tampouco coa Garda Civil, un corpo do estado sobre o cal a comunidade non ten competencia, como para poder reclamarlles que nos atendan en galego. Temos uns límites, iso temos que sabelo, pero dentro deles temos que loitar para que se cumplan. Temos que saber que non podemos cheghar a Hacienda e pidirlles que nos atendan en galego, pero na administración púbica hai lexisdlación que nos ampara. Pero a ver ata cando, porque con sor Citröen...
Publicar un comentario