16/09/09

O cruceiro de Cotá.

Atípico cruceiro en Galicia, pois segue pautas nada habituais no noso territorio. O cruceiro de Cotá chama a atención porque segue o modelo de cruz irlandesa, sen columna e sen capitel. Levántase sobre unha estrutura de triplo chanzo e pedestal rectangular cuxo lado maior coincide cos brazos da cruz. Trátase dunha cruz latina de elevado pé e labrada en peza única. A parte central é unha circunferencia, ó estilo das cruces irlandesas, nas que a cruz estaba inscrita nunha roda solar. Na primitiva cultura irlandesa o sol era o deus supremo, e conforme se impón o cristianismo, este símbolo solar acaba impoñéndose por asimilación. Nun dos lados da circunferencia represéntase a San Martiño compartindo a capa co pobre, representado en baixo relevo e de forma moi arcaizante, con formas ríxidas, vestimentas xeométricas e sen concesión algunha ó volume, seguindo a tradición nórdica. No outro lado da circunferencia figura unha custodia co Santísimo Sacramento en mármore (pensamos que é un engadido posterior).
Toda a cruz está percorrida por unha decoración de círculos con radios curvados, dez en cada lado, que recordan ás esvásticas célticas ou ben ós bubóns alusivos á peste que aparecen nas cruces de peste bretoas dos SS XVI e XVII. Os bordos laterais da cruz decóranse con motivos avolutados que evocan o gótico flamíxero.
No pedestal figura unha placa de mármore conmemorativa na que se le "En memoria do Congreso Eucarístico XXII. Junio 1911". Seguramente o engadido da custodia en mármore é desta época, pero é moi probable que a cruz sexa bastante anterior, de 1772, como difícilmente se le na inscrición en pedra nun dos lados da base.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.