25/03/10

Novos aportes artísticos: a ermida de Carlín.

Hoxe é festa en Carlín: Santa María do Ermo, romaría da que xa falamos. Aproveitamos a data para completar algúns aspectos que no seu día quedaron no tinteiro.
A ermida de Carlín, de pequenas dimensións, é de planta única e rectangular. Aínda que irregular, a cantaría é de calidade. A cuberta é a dúas augas, lousada no exterior e de madeira no interior. Foi restaurada tras ser danada pola caída dun enorme castiñeiro en marzo do ano 2005. Na fábrica pódense percibir marcas de canteiro. A porta ten un arco de medio punto con enormes doelas ben traballadas. Carece de xambas, polo que o arco descansa directamente sobre o muro. Este tipo de portas foron características do Renacemento, se ben é moi probable que a obra sexa do S.XVII (ou XVIII).
O máis salientable é o retablo. Este ten unha rúa única con fornela central, destinada a albergar a imaxe da Virxe do Ermo (na fotografía non aparece porque espera ser sacada en procesión). As características do retablo son típicas do S.XVIII (barroco moi tardío). Está policromado con vivas cores (predominio de vermellos, azuis e dourados). Jaime Delgado ("La iglesia de Carlín (Friol) y su interés histórico y arqueológico", Lucensia, Vol. 18, nº 37, 2008) di que o retablo ten reminiscencias renacentistas, "pero ya recargadas de un incipiente barroco". A nós parécenos unha apreciación errónea e baseada na "falsa pista" das doelas do arco de entrada á ermida (partiu do Renacemento como horizonte). Explicámonos:
No retablo aparecen elementos decorativos propios dun barroco moi tardío, como os estípites (soportes coa base máis estreita e que suxiren inestabilidade), que en Galicia non se popularizan ata ben avanzado o 1º terzo do S.XVIII (máis ben 2º terzo). O retablo aséntase sobre unha predela decorada con carnosos motivos vexetais e cunha cabeza de anxo no centro. Os minuciosos rizos da cabeleira rubia do anxo, e a decoración de rocallas que flanquean a cabeza, permítenos atinar máis na datación, pois as rocallas son típicas do rococó (polo tanto, a partir do 2º terzo do S.XVIII).
A rocalla tamén percorre os estípites que flanquean a fornela, que á súa vez, decórase con pequenas estrelas douradas. Este tipo de ornamentos minuciosos son típicos do rococó. A fornela remata nun arco ondulado flanqueado no exterior por dúas cabezas de anxos con ás, de factura semellante ó do anxo inferior.
Os remates laterais resólvense con dous estípites de maior tamaño que os centrais, con profusa decoración de rocalla, placas no terzo inferior (escola de Simón Rodríguez, e polo tanto S.XVIII) e capitel composto. A policromía do estípite esquerdo parece imitar os veteados dun mármore rosáceo. Nos extremos laterais, a decoración complétase con xogos de curvas e contracurvas, motivos vexetais, e de novo, rocallas.
A arquitrabe que coroa o retablo presenta roturas, con avances e retrocesos que introducen movemento en planta e efectos de claroscuros, recurso típico da arquitectura barroca (non esquezamos a pegada de Casas e Novoa en Lugo). A rúa central remata cunha cartela enmarcada por dúas aletas curvas que serven de unión a unha pequena cornixa superior sobre a que se asenta unha venera flanqueada por rocallas.
Resumindo: o retablo segue a tradición dos grandes retablistas galegos barrocos, de gran decorativismo, grandilocuencia e dinamismo. Para nós a datación non alberga dúbidas (S. XVIII moi avanzado), co cal matizamos (e cuestionamos) a datación da única publicación ata o momento do retablo, que é a de Jaime Delgado.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.