21 abril 2014

Terras do Narla (in territorio Nallare)

Estas terras percorridas polo Narla, teñen no seu hidrónimo un referente secular co que tiñamos unha débeda que imos tentar saldar con esta entrada.
Na documentación medieval atópanse as formas “Nalare, Nallare, Nalar, Nallarensis, Nalara, Nallarense…”. Facendo un percorrido histórico, damos por vez primeira -documentalmente-- co Comitatus Nallarensis, en tempos da dominación sueva; concretamente nas actas dos Concilios de Lugo (569) e no II de Brácara, Braga, (572), actas ás que se lles incorporou o Parrochiale suevum – organización do territorio-- no que, dentro do reparto territorial da diocese lucense, cítase ao Comitatus Nallarensis indicando os seus límites nos seguintes termos: “Decimus Comitatus Nallarensis dicitur,. Oritur ubi ingreditur Latra in Mineo et, veniens ad Serra de Sancta Cruce, pertransit in directum ad Maragane veniens ad Coruiti, pertransiens ad Castellum Aranga venit ad Mandeu inter Ambas Aquas et Mera, et inde ad Primo Monte, erigens se in directum uadit ad terminos de Montanos et Durmiana donec, veniens as illa Ponte de Ipso, finitur”.
Porén, segundo reflicte Miguel Novo Güisán no seu estudo “Lugo en los tiempos oscuros”( a tradución é nosa) “os condados (comitatus), como demarcacións territoriais non existen en época sueva, polo que se trata dunha clara interpolación posterior do Parrochiale. Esa interpolación fíxose no século XII, e o ambiente histórico no que se produce é o da disputa territorial…”.
Isto fai que realmente sexa o ano 747 no controvertido testamento do bispo Odoario no que se recolle o seu reparto testamentario onde apareza a primeira referencia a estas terras “in Nallare: Ecclesia Sancti Petri” facendo alusión á igrexa da parroquia de S. Pedro de Narla.
No Nomenclátor dos documentos medievais de Lugo, aparecen referencias dende o ano 569 en adiante (aínda que para as primeiras aparicións debemos ter en conta o comentado anteriormente sobre a interpolación documental): "Nallare comitatus" (ano 569); “Mandeu limite condado naralense” (572); "Nallar, villa" (927); "Hermemiri villa in Nallare" (959); "Nalara" (998) e "Nallar comitatus" (1027).
Nos Tombos do Mosteiro de Sobrado, a partir de mediados do século X, encontramos as seguintes citas: Tombo nº 4 ( ano 959): “ in (territorio) Nallari villa Salamiri cumadiectonibus suis, villa Secundini, uilla a Sanctum Petrum , uilla Hermmemeriet uillares de Auellaneta “; Tombo 6 (966) aparece “ in ualle Nalare”; Tombo 64 (968) "in territorio Nalare"; Tombo 107 (968) "de (comitatu) Nallare"; Tombo 108 ( 978); “in Nallare”; Tombo 109 ( sen data entre 986-999): “in territorio Nallare(…) ripa Nallare”; Tombo 112 ( 971?) :“In ualle Nallare”; Tombo 115 (1019): “ in valle Nallare”; Tombo 117 (1006): “in Nalar”; Tombo 127 (1037); "in territorio Nallare” e Tombo 283 (sen data ): “in territorio Nalare”.
Máis adiante, no ano 1350, encontramos esta cita: “no campo da rrocha da Nárrela, Fernan Gómez das Seyxas fiço pregunta a Gonzaluo Sorrdo se se parauan o sesto do couto de Gial”.
Importante detalle, nesta anotación a alteración Nallare x Nárrela que posibilita o posterior Narla pola perda da vocal átona postónica.
Sobre o hidrónimo hai que empezar dicindo que os nomes dos ríos acompañan a estes desde tempos ben afastados no tempo. A orixe dos seus nomes provén da noite dos tempos e poucas variacións sufriron ao longo da historia agás as consabidas evolucións ou adaptacións fonéticas aos novos poboadores. O Narla non escapa a esta teoría.
Independentemente das diferentes interpretacións dos nosos estudosos, o que si todos confirman é a súa orixe prerromana que viría dunha raíz “*ar” “*nar” “*ner” que en último estremo vén indicar “auga que flúe” ou directamente (libre interpretación) río ‘sensu strictum’.
Eligio Rivas Quintas no seu traballo “Ríos primitivos del Noroeste” publicado na revista nº 52 do Museo de Pontevedra ,1988,  fai referencia ao Narla indicando a súa orixe céltica con raíz "*N-R" con alternancia vocálica ( neste caso “a”) e mesmo fai referencia á alternancia das consoantes "R/L" poñendo como exemplo "nalar" (nadar en bable) (pax. 270/271)
Na actualidade aínda que  a tendencia maioritaria e oficialmente é a de denominar como Narla a esta corrente de auga, aínda hai pequenas bolsas de falantes (na parroquia de Roimil temos constancia directa, por exemplo) que falan do hidrónimo como Nalra. Pensemos que esta alternancia dáse en galego con relativa frecuencia: casos como Carlos e Calros ou flor e frol están bastante estendidos pola nosa xeografía.
Rematar indicando que como calquera río que atravesa unha vila, este é aproveitado para actividades lúdicas como se pode apreciar na fotografía que ilustra a entrada. 

2 comentarios:

H. M.

Moi interesante este estudio. O nome do río Narla, que percorre o Concello de Friol, levao hoxe a parroquía de S. Pedro de Narla, pola que non pasa o citado río, pero en 1834 existían as xurisdicións de S. Pedro de Narla ( 2 parroquias ) e de S. Paio de Narla ( 5 parroquías ), que se suprimen en 1840 ao crearse o Concello de Friol. Hoxe en día aínda se coñece a fortaleza de S.Paio, cerca da cal pasa o río Narla, como S. Paio de Narla.
Dende o punto vista eclesiástico o arciprestado de Narla viña a coincidir coas parroquías do Concello, inda que non con total concordancia.

Carricoba

Sobre o arciprestado de Narla hai unha tese dunha profesora de Historia dun IES da Coruña --creo-- que temos ganas de botarlle unha ollada.
Un saúdo

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.