O sábado día 13 participamos pola tarde na sesión de homenaxe que a asociación Carballo Vivo promoveu e organizou como acto de recoñecemento ao labor desenvolto polo proxecto "Algo máis que pan e queixo" ao longo destes últimos anos.
A pesar da nosa inicial resistencia a tal acto, e dada a insistencia da citada asociación -- testemuña que pode acreditar estas palabras-- accedemos á actividade e, ao final, cremos que o esforzo pagou a pena.
Despois destes días de dixestión e repouso trala axitación sabatina, non sería de lei deixar o xusto agradecemento para máis adiante. Por iso agradecemos a asistencia de todas aquelas persoas que consideraron oportuno acompañármonos en data tan sinalada.
Sen prelación ningunha :
En primeiro lugar ao alumnado que, esquecendo divisións de poderes e sorteos amañados, dedicaron agarimosas palabras que reforzan a nosa idea como docentes.
En segundo lugar aos compañeiros e compañeiras que compartiron espazo de docencia con nós no CPI Dr. López Suárez, que coa súa presenza achegaron a calor necesaria para superar as nosas iniciais dúbidas.
En terceiro lugar ao grupo de participantes nas sesión do Obradoiro da Memoria que se desenvolveron en Carballo Vivo, fartas como deben de estar de escoitarnos, foron quen de aturar unha nova sesión como se fose a primeira.
En cuarto lugar, e aínda que de xeito virtual, a Paquita Abuín que na súa misiva lida por Lucía Blanco, falanos do "xermolo --plantado polo proxecto-- do amor a Friol, de querer o noso patrimonio e amar a nosa cultura, de arraigarnos a historia do noso pobo, porque desgraciadamente, un pobo que ignora a súa historia está abocado a condena da desaparición" e coa que non podemos máis que concordar.
En quinto lugar a Jesús Rodríguez que non só xa pola súa alocución, senón polo seu interese polo proxecto desde o primeiro momento e sempre dando pequenos empurróns para tirar por nós e levar "Algo máis que pan e queixo" polo mundo adiante.
En sexto lugar ao moderador que fixo do acto un espazo agarimoso no que axiña desapareceu a tensión --polo menos no que a nós tocaba--
En sétimo lugar ás cariñosas palabras de recoñecemento de Ses , unha verdadeira e agradable sorpresa para os que coma nós, somos seguidores do seu traballo.
En oitavo lugar ao apartado musical enfiado por Ana con músicos chegados de México, Cuba vía Xaén e Pontevedra, que deron a calidez a sesión coa súas interpretacións.
En noveno lugar á nosa costureira de referencia, Angelines, a Carmen da Torre, aos membros de Carballo Vivo, aos pais e nais que se achegaron ata Carballo, a Xerardo Quintiá -homenaxedo nas pasadas Xornadas-- que nos puxo sobre aviso en relación á dixestión da que falabamos ao principio desta entrada.
En décimo lugar a Nazaré Guerreiro polas súas verbas coas que acreditou a loita dialéctica permanente entre a vella e nova escola, facendo unha análise do paralelismo entre aqueles afoutados mestres e mestras formados na II República que chegaron a pagar coa súa vida a ousadía de achegar un ensino comprometido e de calidade ás clases máis populares e a permanente loita de numerosos colectivos de docentes -- e por que non? o noso proxecto- que tentan salvar da deterioración un ensino público que cada vez está máis esquecido polas administracións que tiñan que velar por el.
Grazas tamén, xa para rematar, ás alumnas que participaron máis que meritoriamente na montaxe do vídeo proxectado e que publicaremos en breve.
1 comments:
Un acto de reconocimiento bien merecido , no asistí sinceramente porque no me enteré , sabeís que sigo este blog desde hace años y que no ha dejado de sorprenderme cada vez que paso por aquí , he aprendido muchisimas cosas que ignoraba gracias a vuestro enorme trabajo , así que me uno, aunque sea de forma virtual , a este homenaje
Un saludo
María
Publicar un comentario