08/12/08

A fonte de S. Xiao do Carballo: Un exemplo de patrimonio arrasado

O patrimonio cultural vese continuamente atacado por unha especie de vaga vandálica que sen ningún respecto arrasa con todo o que atopa no seu camiño. Un exemplo recente témolo na fonte da igrexa de S. Xiao do Carballo.

A fotografía da esquerda foi tomada no mes de maio deste ano e podemos observar como a fonte está adornada con dous pináculos de bóla sobre unha ménsula. Na fotografía da dereita, feita no mes de outubro, pódese ver como -descoñecemos a razón- desapareceron os dous pináculos e parte da ménsula. Iso si os restos do pináculo da esquerda aparecen rodeados por unha cinta de protección.

Certo é que o paso dos anos e o abandono case total do patrimonio, deixado practicamente nas mans e na boa vontade do vecindario , non axuda ao mantemento destes elementos arquitectónicos, pero non é menos certo o desinterese que algúns particulares amosan polo mesmo.

Non debe ser moita a preocupación por tal estrago pois, que nós saibamos, non houbo nin queixas nin denuncia pública dos feitos.

Mentres non tomemos conciencia da necesidade do apoio por parte da administración e respecto e valoración por parte da sociedade do noso patrimonio, vai ser difícil que lle cheguen ás xeracións vindeiras o legado cultural que si chegou ata nós.

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.