DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA
-
Para conmemorar o 20N coas familias que viñeron o martes pola tarde a
biblioteca
fixemos un mural onde os nenos/as se DEBUXABAN como se gustaban para...
19/11/24
Xornadas: O segredo do humor
Este próximo sábado, 23 de novembro, o venres 29 e os dous primeiros domingos de decembro, desenvolveranse en Carballo ( o sábado) e Friol (ovenres e os domingos de decembro) unhas actividades que a asociación determinou encabezar como Xornadas: "O segredo do humor", cunha, máis que evidente, chiscadela ao ensaio de Cilistro Fernández de la Vega.
O sábado 23 a sesión será dobre: pola mañá unhas lambiscadas científicas que tratarán sobre o perigo das enfermidades producidas polas carrachas, e xa cun ton máis humorístico ofertarase un monólogo dirixido polo sempre exitoso Celso Sanmartín.
O venres 29, pola tarde o grupo Bátega teatro porá en escena "O pano".
Os domingos 1 e 8, tamén en sesións de tarde representaranse dúas obras: unha por parte do grupo de teatro Falcatrueiros de Monterroso: "O asasinato en Brooke Manor" e outra o grupo de Sarria, Rebuldeira teatro que escenificará unha versión de "Os vellos non deben namorarse".
Deixamos aquí ligazón informativa sobre os grupos de teatro e as súas montaxes.
13/11/24
Mudemos de rumbo
Este blog naceu froito do compromiso co galego, compromiso que inicialmente reflectiamos como un dos obxectivos dentro do proxecto "Friol: algo máis que pan e queixo" que deu orixe a este caderno, xa hai dezaseis anos(2008).
Naquel momento aínda estaba vixente a Lei de Normalización lingüística do 2004, que coas súas eivas, permitía a presenza da nosa lingua no ensino, de xeito completamente normalizado.
Dous anos despois o goberno do Partido Popular do señor Feijóo, no seu ánimo de recortar os dereitos lingüísticos dos galegos, publicou o decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que pouco menos que trataba a nosa lingua como se dunha estranxeira se tratase.
Polo medio, o sr Rueda ( actual presidente da Xunta) asistía como representante do PP á manifestación convocada por Galicia bilingüe en contra dos dereitos que como lingua minorizada ten o noso idioma.
Daquela enxurrada vén a situación á que agora nos enfrontamos. Os resultados da enquisa do IGE sobre o coñecemento e uso do galego son devastadores (ver ligazón), por primeira vez na historia o castelán é a lingua máis falada na nosa comunidade.
A deriva destrutiva que mantén a Xunta co galego empeza a dar os resultados que se esperaban ( tristemente para nós).
Como escribe o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, é Agora ou nunca. O proceso ou o damos parado ou a desaparición do galego estará próxima.
Desde Queremos Galego convócase un gran acto este domingo 17 de novembro ás 12 da mañá na praza da Quintana, en Compostela, baixo o lema Mudemos de rumbo. Polo futuro do galego.
Deixamos aquí o acceso ao manifesto convocante e esperamos que sexamos quen de mudar o rumbo pois como di o lema da convocatoria o galego si ten futuro.
12/11/24
Casanova no...
En entradas anteriores temos comentado grazas a achega de Higinio Martínez F. de la Vega a pintada que nos anos trinta se fixera en contra do alcalde José Casanova Cobas.
Esa pintada foi posteriormente borrada pero, grazas ao fondo fotográfico da familia de Tato Sánchez Grande, podemos publicar unha foto da casa onde aínda se poden distinguir restos da citada proclama.
A fotografía cremos é de finais dos anos sesenta ou principios dos setenta do pasado século ( aparece na imaxe un seat 1500, fabricados en España entre 1963 e 1972)
Higinio M. F de la Vega, facianos chegar a seguinte mensaxe:
"Creo que na casa de Terrón, no Campo da Feira, aínda se intúe unha pintada feita no 31, que poñía inicialmente: "CASANOVA NO" feita polos partidarios de Segismundo Grande. A pintada, outra noite, foi completada polos partidarios de Casanova que lle engadiron: "...PERDERÁ" modificando completamente o significado incial da mesma
9 de xaneiro de 2011.
Daquela aínda contabamos coa presenza e grande colaboración de Higinio.
Hoxe só queda agradecer a outro bo colaborador deste blog, como é Tato a súa achega fotográfica.
11/11/24
Proposta da AELG para honrar a tradición oral das mulleres
O pasado día oito, a Asociación de escritoras e escritores en lingua galega, publicou un manifesto relacionado coa celebración das Letras Galegas do próximo ano (ver entrada anterior).
No mesmo, faise unha reflexión sobre a tradición oral das mulleres e, ao tempo, indícanse unhas pautas para a celebración e recuperación das cantigas dende unha perspectiva de xénero e de defensa da nosa lingua, para tratar de evitar esa imaxe morriñenta e melancólica coa que as veces se tratou estas composicións.
Como pensamos de interese, e tendo en conta que este blog é parte interesada e involucrada na recuperación e dignificación do noso cantigueiro, transcribimos o citado manifesto, asinado por Branca Villares e Eva Teixeiro da Sección de Literatura Oral da AELG
Canta miña compañeira. Proposta para honrar a tradición oral das mulleres.
Manifesto da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG
"Nas Letras Galegas do 2025 honraremos a oralidade: recoñecer a poesía da tradición oral das mulleres como elemento fundamental na transmisión da cultura e lingua galegas supón unha validación longamente agardada por un amplo tecido cultural de base do país. Tamén supón un recoñecemento ao importante traballo de investigación e divulgación realizado á marxe das institucións oficiais por numerosas persoas particulares, asociacións e colectivos que permitiron que esta herdanza do pobo galego chegase ata nós hoxe.
A Sección da Literatura de Tradición Oral da AELG ten unha ampla traxectoria en relación coa recuperación e estudo destas manifestación literarias, que deberan ter a mesma consideración que a produción escrita. Froito da experiencia, propoñemos unha reflexión previa sobre o xeito de abordar a celebración das nosas letras, de cara a futuras programacións institucionais, presencia nos medios e divulgación nos centros de ensino.
Neste ano que dedicamos á memoria das que nos precederon no verso musicado, a RAG personificou de xeito audaz a tradición oral feminina en 3 figuras: a muller, na persoa de Eva Castiñeira de Muxía; a complicidade do par de mulleres en Rosa e Adolfina Casás de Cerceda, e a pequena comunidade das veciñas da bergantiñá Mens representada por Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema.
A oralidade das pandereteiras demostrou ser eficaz na transmisión da cultura e língua, tamén na conformación da identidade e sentido de pertenza, e merece ser tratada con rigor para tirar o máximo proveito deste ano de recoñecemento e divulgación que temos por diante.
Ademais a coralidade nas letras do 2025 vén dada non só polas 6 mulleres nomeadas, senón por todas as que foron parte da cadea de transmisión oral: todas elas contribuíron ao legado deste imbricado patrimonio inmaterial, que son as cantigas tradicionais e populares. Implicitamente legáronnos o xeito, ese construír comunidade a través da palabra, do verso rápido, da lingua viva.
CONTEXTO: A MÚSICA VOGAL EN COMUNIDADE
As polavilas, seráns, filandós ou ruadas eran puntos de encontro naturais da comunidade nos que a oralidade transitaba múltiples camiños: contos, cantigas, romances, traballos, xogos e demais lerias. Nestas xuntanzas a interacción no baile era tamén un fin en si mesmo, e as cantigas coa pandeireta o medio máis rápido, común e económico para que acontecese. A súa expresión é popular, cotiá e vulgar, e o seu ámbito privado.
Enunciamos estas condicións a modo de valorización: desa cotiandade e repetición nace a mestría na interpretación vogal, percutiva e na composición, do popular vénlle ser fiel reflexo de tantos elementos da súa sociedade e da vulgaridade vén a súa frescura e atrevemento (fronte ao distinguido ou extraordinario). Na excepcionalidade, no momento que a veciñanza podía xuntar cartos contratábase un gaiteiro, un dúo, cuarteto, posteriormente acordeonistas, charangas e finalmente orquestras.
Celebrando as pandeireteiras honramos á música vogal feminina, e debemos facer unha lectura en clave de xénero, pois tradicionalmente as formacións musicais de maior prestixio e recoñecemento social nin foron as pandeireteiras, nin incluíron pandeireteiras.
As mulleres cantadoras estiveron tradicionalmente ausentes da esfera pública, e foron as grandes esquecidas nos diferentes procesos de patrimonialización de elementos da nosa cultura. De xeito tardío acadaron recoñecemento a través da espectacularización do folclore, para finalmente chegar ao punto actual: unha resignificación da súa figura e reificación do seu legado facendo un xusto recoñecemento a elas como piar na transmisión de lingua e cultura, e conformación de identidade.
Tamén se observa nos últimos tempos certa renaturalización na súa práctica, grazas á remuda da oralidade.
Non precisamos vestir de gala nin de acompañamentos e artificios a música das pandeireteiras para celebrar a poesía de tradición oral. O minimalismo musical é aconsellable, e a voz da muller debe ser a protagonista. Temos un nutrido sustrato sociocultural do que botar man para iso, e pensalo de abaixo a arriba semella o máis honesto neste ano de celebración.
SOBRE O CONTIDO FORMAL DAS CANTIGAS HERDADAS
Un xeito de abordar o estudo de tipoloxías na poesía de tradición oral son os ciclos do ano ou os ciclos vitais:
- Arredor do ciclo do ano temos cantigas de Nadal, Panxoliñas, aninovos e xaneiras, Reis, entroidos, cantos de pascua, maios, cantigas de traballos, segundo a zona ou a estación, etc.
- Arredor do ciclo vital temos os arrolos, primeiros xogos e cantigas, xogos de roda e recitados, rondas e namoros, cantos de voda, brindos, romances e responsos, etc.
Mais debemos entender que as mulleres cantaban e compoñían versos non só nestas ocasións, senón en calquera momento ou con calquera motivo, acompañando calquera traballo ou tarefa repetitiva e pesada. Así temos labradas, cantos de segas, mondadeiras de millo, mazadeiras de liño, cantos de mazar o leite, de andar os camiños, etc.
Cómpre destacar que debido á espectacularización do folclore, nos últimos anos fóronse seleccionando para expoñer e perdurar cantigas de/para contextos festivos. Estas non son necesariamente representativas da riqueza herdada: temos un complexo emocionario explicitado nas cantigas de transmisión oral, e este é o momento de reivindicalo. Temos cantigas que falan e transmiten tristura, soidade, pranto, esperanza, xúbilo, medos, arelas... e que coa súa entoación e interpretación adquiren unha dimensión que transcende a escrita: a consonancia como esencia da comunidade.
A CREACIÓN E COMPOSICIÓN COMO EXPRESIÓN DE COMUNIDADE
As músicas de tradición oral son unha expresión colectiva do pobo: hai cantigas que son flor dun día e outras que se repiten e mesturan coas seguintes. Sempre hai unha mestura entre o herdado e o que xorde pola necesidade de narrar algo novo, ou polo mero gosto de xogar coa linguaxe e a sonoridade.
A propia comunidade regula o que perdura: o que se escolle para seguir cantando, o que vai de boca en boca e percorre distancias e tempos, o que o pobo vai facendo variar para preservar o sentido. Sen creación e actualización, só nos queda recreación: un cativo atisbo da riqueza doutrora. Honrar a oralidade é necesariamente traballar na creación e expresión orixinal e propia, e vivir a experiencia de entoalo en comunidade.
O POUSO DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER NAS CANTIGAS
Moitas coplas de tradición oral reflexan o que hoxe denominamos violencia contra as mulleres. O adoutrinamento está implícito, mais non implica necesariamente aceptación das violencias, pois as coplas contan aquilo que queremos que sexa escoitado a modo de denuncia, burla/caricatura, ensinanza ou advertencia.
A poesía popular ten tamén linguaxe retórica e figurada, os seu propios códigos e tamén contextos: non é o mesmo unha copla insidiosa nun contexto de entroidada ou desafío entre iguais que noutra cantiga.
As nosas cantigas son reflexo do tempo e sociedade que as compón, e non xurdiron con vocación de trascender. Por isto mesmo, non semella pertinente tildalas simplemente de machistas e relegar á propia muller ó papel de vítima. Isto sería xulgar coa moralidade do presente elementos do pasado.
Pero sendo nós quen as elevamos a canon cando as seleccionamos para cantar ou espectacularizar, si é nosa, entón, a responsabilidade de explicar debidamente os contextos e tamén as modalidades de violencia. Non aconsellamos obvialas nin censuralas, senón que recomendamos promover a reflexión e debate sobre elas. Poden ser poderosa ferramenta de educación social, e espertar conciencia crítica cara a outros tipos de violencia.
Especial mención merecen tamén tódalas cantigas herdadas que falan dos oficios de mulleres: muiñeiras, costureiras, panadeiras, taberneiras, criadas... incluso pandeireteiras foron historicamente vilipendiadas pola súa condición de mulleres traballadoras. É tempo de falar de memoria, e explorar posibilidades na busca de certa reparación.
O CASTELÁN NAS CANTIGAS
A presenza do castelán nas cantigas de tradición oral ten múltiples causas.
A oralidade é permeable e faise eco de modas e influencias no rural e urbano, e arremedar o castelán foi unha delas. Isto documentouse abondosamente no caso das parrandadas, petitorios ou testamentos de entroido (sarcásticos) ou no romanceiro vulgar. Máis tamén temos cantigas chegadas de outras zonas da península ou da emigración que foron naturalizadas, xunto coas súas melodías, cadencias e ritmos.
A oralidade transcende fronteiras, e o seu carácter lúdico fai que acepte influxos regularmente. Non podemos pensalas simplemente como froito dunha subordinación política ou cultural,e tampouco ten sentido negalas ou desbotalas, pero si podemos e debemos facer unha escolla.
Pese á presenza destas cantigas en castelán, as aulas e espazos da música tradicional foron nestes anos bastións de sensibilización e normalización do galego, e un medio natural no que mocidade puido aprender e practicar a língua, e finalmente soltarse a falala de xeito habitual.
Promoveremos a creación en galego. Tamén podemos seleccionar ou desbotar libremente as cantigas herdadas para traballar a nosa lingua. Incluso podemos traducir ao galego coplas que atopemos en castelán, e dicilo con honestidade: son camiños que se percorreron en ambos sentidos en diferentes momentos da historia.
O importante é non desaproveitar este ano de celebración da tradición das pandeireteiras para crear novos espazos de normalización lingüística e consolidación de falantes.
O PERIGO DA FOTO FIXA
A oralidade nútrese do cotián, é lixeira e fugaz. Non sente o peso da relevancia ou a coherencia perpetua, pois non ten vontade de trascender. Ten sentido no aquí e agora.
Chegaron a nós na cadea de transmisión versos sublimes en significante e significado.
É recomendable facer pequenos achegamentos ao corpus folclórico e familiarizarse coa linguaxe deste arte da man das mulleres de referencia: coñecer coplas, entender cómo se constrúen métrica e musicalmente, os ritmos bailables que as acompañan, algunhas das figuras poéticas que empregan, as posibilidades narrativas, as variedades dialectais e léxico, etc. Todas estas son cuestións relevantes, que fan rico e complexo o legado das pandeireteiras, pero nas que corremos o risco de nos perder. Corremos o risco de esquecer os principais valores da tradición oral, así que non confundamos a práctica deste arte coa mera selección e reprodución. Entidades uniformizadoras como a Sección Feminina percorreron ese camiño, e a súa selección, estandarización e espectacularización case matan por completo os valores fundamentais da oralidade. Non nos limitemos a reproducir os sucesos, ou a sesudos estudos dos procesos se contamos con pouco tempo.
A destreza na expresión oral non se adquire con tediosas explicacións e transmisión de coñecemento en vertical: practícase en horizontal. Celebrar a oralidade é outogar a palabra. Escoitar, retroalimentarse, contar e cantar libremente o que somos, o que nos move, o que nos divirte, o que nos preocupa. Facilitemos espazos e formatos para que teñan lugar experiencias significativas ao redor da linguaxe.
Coidamos que estas consideracións serán útiles de cara á patrimonialización da poesía popular de autoría feminina e a oralidade. Agardamos que traian froitos significativos para a normalización lingüística e cultural do país, rachando co desleixo institucional e dando comezo a unha nova maneira de entender a produción oral da colectividade, libre de prexuízos.
Branca Villares e Eva Teixeiro, da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG."
10/07/24
O Cancioneiro Popular Galego no Día das Letras Galegas do 2025
Pandeireteiras de Mens (1982 ( RAG) |
Toma o relevo de Luísa Villalta, homenaxeada este ano, que precisamente escribía
"...cansada coma min no cansazo do pai cego
no cansazo do avó en silencio
e da nai rota de recoser as coplas aprendidas na saia da avoa"
Nomear o Cancioneiro Popular Galego lévanos a lembrar o inxente traballo de recollida a finais dos anos setenta do pasado século de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina por Galicia adiante que quedou reflectido no traballo publicado pola Fundación Barrié na década dos oitenta.
Volumes do Cancioneiro de Schubarth e Santamarina |
Personifica a RAG a homenaxe en Adolfina e Rosa Casás Rama, na pandereteira Eva Castiñeira e nas Pandereteiras de Mens (Prudencia Garrido, Asunción Garrido e Manuela Lema).
Foliada na Vila da Igrexa ( Ver notas) |
E tantas e tantas outras mulleres que cantaron, cantan e cantarán.
Festa da pandeira, Piornedo, 2022 |
Mención especial hai que facer do traballo pretérito que fixera a asociación "Foliada friolense" á que todos os adxectivos que poidamos imaxinar serían poucos para pór en valor o labor realizado.
Non esquecemos tampouco ás irmás de Anxeriz Lola e Carme Lage Morandeira (falecidas no 2017 e 2011 respectivamente) que a través de Álvaro Santos achegaron a esta páxina parte importante da súa memoria cantareira.
E tampouco non esquecemos a achega que o alumnado do colexio friolés fixo ao longo de moitos cursos deste século XXI e que nos permitiu coñecer versións de romances e coplas cantadas ou recitadas por, por exemplo, Mª Paz Viñas , Julia e Gloria Corral todas elas veciñas de S Martiño de Prado.
En resume unha celebración pangalaica na que son moitas as que estarán de festa e moitos os que seguiremos aprendendo da súa memoria e cariño polo noso.
Queremos aproveitar tamén a entrada para indicar que neste apartado da memoria , aínda que a RAG fixouse na figura feminina, tampouco non debemos deixar de lado aos cantareiros que tamén os hai e moi bos.
E sabendo que a homenaxe vai ser ao Cancioneiro Popular Galego sería ben non esquecer para próximas edicións o resto do corpus da Literatura Oral tan abondosa coma rica.
Notas
A fotografía da Foliada no Vilar da Igrexa é sacada do libro "Fuliada na Vila" de Richi Casás
22/05/24
Mar Pérez Fra na candidatura do BNG ás europeas
Achéganse as eleccións ao Parlamento Europeo. Xa hai un tempo que as diferentes formacións políticas foron facendo públicas as candidaturas polas que optar o próximo 9 de xuño ( xa publicadas todas no BOE de 8 de maio ).
Con alegría, vemos que como número 3 da lista presentada polo Bloque Nacionalista Galego, vai a friolesa de adopción e dedicación Mar Pérez Fra.
Coincidimos con Mar como nai de alumnado, no grupo de teatro Carballo Vivo e nun monte de actividades organizadas pola propia asociación carballesa, pola Rede Museística Provincial ou pola propia USC.
Por non estendernos, deixamos esta ligazón para coñecer mellor o perfil desta veciña da parroquia de Cotá.
Abonda escoitar o sentir de moitas friolesas e frioleses, para saber da capacidade, formación e implicación da candidata. Basta reproducir o que dela di Lola López Caión: "Ninguén mellor ca Mar para formar parte desas listas. Por convicción e por experiencia”.
Boa coñecedora do noso rural, desde o Departamento de Economía Aplicada da Escola Politécnica Superior implementa todo tipo de actividades e investigacións a prol de loitar contra un rural marxinado, carente de servizos, e do que as grandes formacións acordan só nas contendas electorais.
Para finalizar esta entrada deixamos a reflexión, claro rexeitamento á celulosa que queren chantar no corazón da Ulloa (ALTRI ) e explicación do porqué da súa presenza na candidatura.
"Ao mesmo tempo que as nosas gandeiras e gandeiros pagan prezos elevadísimos para comprar ou arrendar terra, boa parte do país se abandona e se foresta. A consecuencia disto cada ano queimamos máis de 100 millóns de euros de fondos públicos en extinguir incendios.
E mentres todo isto acontece aínda temos que asistir abraiadas a un lamentábel espectáculo: o goberno galego e español queren regalar a unha empresa contaminante 250 millóns de euros! Para que? para que uns cantos empresarios enchan os seus petos á nosa conta e para continuar expandindo o eucalipto e limitando as posibilidades das explotacións agrarias. Queren regalar unha comarca agraria a unha empresa que non fai máis que afondar nun modelo forestal que ningún país desenvolvido quere para si. E van facelo cos cartos de todas e todos nós. Destruíndo no proceso centos de postos de traballo no corazón de Galiza, seguramente moitos máis na Ría de Arousa, e arruinando espazos naturais que son valiosísimos.
Temos que pararnos a reflexionar sobre o futuro que queremos para o noso país. Non podemos continuar así: desfeita tras desfeita. Necesitamos que alguén mire por nós en Bruxelas para parar o desgoberno que vivimos.
Por todo isto, e porque son unha muller ecoloxista e feminista que ama profundamente este país dou un paso adiante e vou na lista do BNG para as eleccións europeas."
Compartimos reflexión e animamos a coñecer mellor, e se acaso apoiar, a esta veciña para que no Parlamento Europeo haxa voces galegas que defendan con criterio os intereses da nosa terra.
16/05/24
Carballo Vivo celebra o Día das Letras Galegas
Este sábado 18 ás cinco da tarde no Centro sociocultural terá lugar o acto central do Día das Letras Galegas na vila friolesa.
Actividade organizada por Carballo Vivo, presentada por David Espiño e que contará coa presenza de Mercedes Queixas que desenvolverá o relatorio "Nos pasos de Luísa Villalta"
Luísa Villalta é a persoeira a quen se lle dedica o Día das Letras este ano.
Falar de Luísa Villalta é falar de compromiso, falar de presente , do seu e do noso, e de futuro. Tedes aquí unha ligazón para coñecer máis polo miúdo a vida e obra desta poliédrica profesora de galego, escritora, violinista e sobre todo activista en todo aquilo que supuxese defensa de dereitos e avances no social, no político, no cultural... unha muller do seu tempo, do noso tempo.
Como mostra de todo o antedito queda aquí un pequeno fragmento do poema Debilidade que forma parte do volume "Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina" que publicou no ano 2003 a Fundación Araguaney.
Porque non son soldado nin suicida,
confeso que son débil
e que na miña debilidade
vin os ollos da morte,
e tiñan o meu nome, Xerusalén,
un nome maullado pola destrución.
Confeso que son débil
e que vivo ofuscada polo vicio da razón
que me fai ensoñar un mundo poderoso de xustiza
(...)
Eu confeso que son débil,
que son moito máis débil que o odio
máis débil que a pobreza ante a riqueza innegociábel
máis estraña que o hábito vencido da represión.
Por iso pido a paz
pido a paz e un estado popular
para o pobo pobre
débil coma min en Palestina
06/05/24
Friulio 2024
Esta próxima fin de semana celébrase na vila friolesa a xa asentada festa de recreación histórica, Friulio.
Aquí queda o programa desta sexta edición no que queremos destacar a declaración como persoeiro de honra a Asociación Carballo Vivo.
Esta asociación xa ten un longo percorrido; foi creada no ano 2012 por activos comuneiros dos montes de Carballo, encabezados por Ángel Buján (Lito) (primeiro secretario) e José Manuel Espiño (primeiro presidente).
Destacar tamén a rápida incorporación de socios e socias con moitas gañas de traballar o que impulsou unha chea de actividades das que todos os frioleses son coñecedores cando non partícipes.
Nós, como Algo máis que pan e queixo participamos nos primeiros pasos da asociación achegando o noso gran de area nas primeiras Xornadas de Interpretación e Dinaminación do Medio Rural, ben con algunha exposición, ben con algunha montaxe teatral. Experiencias ambas persoalmente enriquecedoras.
Celebramos este recoñecemento que A Castronela ten con Carballo Vivo e xa só queda desexar que estas dúas asociacións sigan medrando.
03/05/24
Hoxe 3 de maio seguimos falando do san Benito de Carballo
Xa temos publicado diferentes entradas (ver ligazón) en relación á festa e mesmo temos publicado un vídeo, gravado hai xa quince anos, e que podemos ver ao final desta entrada.
O caso é que en data tan sinalada para Carballo, decidimos subir a este blog unha das múltiples achegas que no seu momento ( curso 2011/12) fixo ao blog da rapazada No Campo da Feira, a daquela alumna Bibiana Díaz Fernández veciña da propia parroquia.
Esta entrada publicaba un milagre deste santo, narrado pola avoa de Bibiana, Trinidad Rodríguez Argerey que sen máis preámbulos pasamos a relatar:
"Un bo día, un fregués da parroquia de Carballo foi á igrexa. Dende o remate da misa, este home dixo:
-Quédate santo mouro, que eu non te vou volver visitar tan rápido.
Acto seguido, marchou da igrexa e foi a unha taberna próxima. Alí, entrou aparentemente san e cando quixo saír, non podía camiñar porque se quedara teso.
Despois, un home que se atopaba no establecemento foi ata onde o cura a pedirlle axuda. O cura foi ver ó enfermo e díxolle que se quería volver camiñar tiña que ir visitar ó santo e pedirlle desculpas polo ocorrido, arrepentirse de corazón.
O cura botoulle a bendición á devoción de San Benito ao enfermo e entón este púxose a camiñar. Sen perder tempo, foi visitar ao santo e deulle un bico, e prometeulle que iría todos os domingos que puidera á misa. Así foi como este home volveu á igrexa case todos os domingos ao santuario e nunca máis estivo enfermo e morreu moi vello."
O blanquieiro visto desde fóra |
Deixamos tamén ligazón a outra das achegas de Bibiana, relacionadas con Carballo e moi ligada tamén ao día de hoxe. Se a ledes entenderedes o porqué. Ler aquí
O vídeo, do que falamos na cabeceira, vai a continuación.
Bo día e boa romaría !
25/04/24
Antonio Benaiges: o mestre que prometeu o mar
Antonio Benaiges co seu alumnado na súa escola, 1936 (1) |
"El maestro que prometió el mar” é unha película dirixida por Patricia Font, estreada en novembro de 2023, que nos achega á vida do mestre catalán Antoni Benaiges (magnificamente interpretado por Enric Auquer) e á traxedia que significou o seu asasinato o 25 de xullo de 1936.
O esquecemento imposto polas novas autoridades pretendía facer desaparecer a memoria dun mestre comprometido co mundo do ensino e coa conquista das liberdades.
Coñecemos a historia deste docente a raíz da publicación en 2012 do traballo "Antonio Benaiges, el maestro que prometió el mar" (2) de, entre outros, Francesc Escribano, e fotografías de Sergi Bernal; por este libro soubemos das exhumacións que se levaban a cabo na fosa de La Pedraja a 25 km da capital burgalesa, onde se cre que están soterrados, entre outros moitos, os restos deste mestre nacido en Mont-roig del Camp (Tarragona).
Placa cos nomes das persoas identificadas na Fosa de La Pedraja (3) |
O filme refrescounos a memoria e permitiunos lembrar as innovadoras ideas que achegou á escola de Bañuelos de Bureba ( na comarca con cabeceira en Briviesca).
Antoni Benaiges, coñecedor dos métodos propugnados por Célestin Freinet, puxo en marcha na súa escola castelá unha prensa escolar que lle permitía ao seu alumnado crear textos para despois imprimilos; nunha palabra: dálle voz aos discentes, democratizando o proceso de aprendizaxe e facilita superar as paredes que pechan a escola, pois estes cadernos que se imprimían na Bureba, voaban a outras escolas que tamén participaban desta filosofía educativa.
A Galicia chegaron cadernos desde Bañuelos, concretamente á escola d’A Cañiza (Pontevedra) que dirixía naqueles anos da II República, o freinetista ourensán, José Benito González Álvarez.
Este Benaiges, nas duras terras burgalesas, prometeulle ao alumnado ir ver o mar. Arredor desta idea orixinouse unha actividade creativa onde a rapazada escribía sobre como crían que sería ese mar do que lles falaba o mestre.
A idea era levalos á costa mediterránea catalá e aloxalos na súa propia casa familiar; posteriormente estes nenos e nenas poderían escribir, a partir das súas vivencias e impresións, con coñecemento fundado, sobre o líquido elemento ( hoxe falaríamos de unha aprendizaxe significativa).
O proxecto truncouse. Programada a viaxe para o verán do 36 a historia ignominiosa non o permitiu.
Benaiges, pretendía unha inmersión sensorial total, non falaba só do mar como grande masa de auga: o mar permite intuír o infindo, coñecer a bravura destemida que desencadea en situacións adversas, amosar o agarimoso que pode chegar a ser cando bica docemente os areais,...
Un mar evocador de liberdade, de forza necesaria ante a inxustiza e tamén de amor e xenerosidade.
Quedaron ser ter a experiencia que sempre xera esa primeira vez que un neno ou nena, que vive afastado da costa, chega ao mar.
Que sensación de baleiro emocional puido sentir este alumnado ilusionado coa viaxe?
Como vivirían a ausencia do seu mestre?
Como sería o caderno que non chegaron a escribir?
Nós, temos un texto dunha rapaciña de oito anos que alá polo comezo do curso 1983/84 escribiu as súas impresións sobre o mar (neste caso o Atlántico) cando o viu e viviu por vez primeira e que reflectiu nun poemiña infantil. A alumna tiña oito anos, apuntaba maneiras! (hoxe é unha das contadoras de historias que percorren a xeografía galega xerando ilusións, unha verdadeira mestra das contadas: Raquel Queizás.
"O mar"
"Cando te vin non te coñecín
achegueime de vagar
seguindo o teu andar,
a túa auga íame curar, iso oín...
e xogamos indo cara diante,
un chimpo, e logo cara atrás.
As areas construían covas
entre as miñas gordechas dedas.
E molleime nunha onda
nela entrei toda,
parviña fun que non pechei a boca...
Sabíame a caldo, a caldo de verán,
o que deixas arrefriar demasiado tempo na ventá.
E sabíame a polbo sen cociñar,
e sabíame a xogos sen tempo sen lugar.
O silencio cubriuno todo,
dentro de ti fun peixe de mar." (6)
Esta creación perfectamente tería un oco nos cadernos freinetianos "Gestos" da escola de La Bureba ou no "Faro infantil" título que publicaba a escola d'A Cañiza.
Xesús Golmar Rodríguez (7) |
Experiencias coma a de Benaiges, sen ser estritamente freinetianas, tivemos aquí, si, en Friol... tamén nesas datas.
Só podemos documentar unha escola, pero seguro que algunha máis tamén gozou dalgún ou dalgunha docente imbuída das novas pedagoxías que non so implicaban á escola.
Nos primeiros anos da II República, exactamente nos cursos 1931-32 e 1932-33, houbo un mestre na acabada de crear escola (8) da parroquia de Silvela, Xesús Golmar Rodríguez, natural de Lalín.
Este mestre segundo publicou a súa filla "contaxiado polo espírito da Institución Libre de Enseñanza, cre firmemente no poder rexenerador e liberador da educación" (9)
Sabemos que ao igual ca o Benaiges (ver ligazón) , non era ben visto polas rancias forzas vivas do concello, as súas prácticas docentes, e seguramente a súa ideoloxía, xeraban fortes rexeitamentos. A tal punto chegaba a xenreira que o concello friolés negouse a abonarlle as cantidades ás que tiña dereito para sufragar os gastos da chamada “casa- habitación” e Golmar tivo que presentar reclamación no Goberno Civil para cobralos).
Este Golmar escribía na prensa galega as artigos "con clara intención didáctica"(10) Deixamos aquí un dos seus artigos:
LA VERDAD DESNUDA ( Eco de Galicia, 1 de decembro de 1929) no que escribe o seguinte:
“Distribuid la riqueza como querais, repartidla como se os antoje, organizad la sociedad política y económicamente como os parezca; mientras haya una multitud ignorante y unos cuantos que sepan, ellos la explotarán”, texto que reivindica o poder emancipador da escola.
No 1936 é depurado, inhabilitado como mestre encarcerado e xulgado con pena de cárcere que cumpre primeiro na prisión da illa de S. Simón e posteriormente é trasladado ao Forte de San Cristovo, Pamplona do que é posto en liberdade provisional volvendo ao seu Lalín natal, sen poder exercer a docencia, onde falece en 1962.
A mesma teima que tiña Benaiges e que compartían moitos dos mestres e mestras que espallados pola xeografía republicana loitaron por defender as súas ideas e toparon co rexeitamento do clero e dos sectores máis dereitistas dunha sociedade na que estaban afeitos a que se fixese o que eles ditaban.
A música que interpretaban estoutros mestres tiñan outras partituras. De aí o asañamento co que se prodigaron falanxistas, monárquicos e rebeldes contra estes impulsores dunha nova escola.
Notas
(1) Fotografía recollida do libro "Antonio Benaiges, el maestro que prometió el mar"
(2) VV AA: Antoni Benaiges, el maestro que prometió el mar. 2012. Barcelona. Ventall Edicións
(3) Fotografía extraída do blog https://cronicasapiedefosa.wordpress.com/
(4) Caderno especial "El Mar" integrado na publicación de "Antonio Benaiges..."
(5) Fotografía da Wikipedia
(6) Agradecemos a achega do texto que non podía acaer mellor nesta entrada sobre Benaiges. Graza Raquel!
(7) A fotografía pertence á entrada de Golmar na wikipedia
(8) A escola da parroquia de Silvela é creada no ano 1930 e posta andar no ano 1931 precisamente con este mestre (Golmar). Inicialmente e a petición do concello, Instrucción Pública créaa co nome de Cobariza (sic), (entendemos que a idea era creala nese lugar, pero en todo momento desde o concello para a súa creación falou sempre da escola de Silvela ( entendemos a que está á beira da estrada que une Friol con Sobrado e que hoxe é unha casa particular); seguramente non atoparon local axeitado para alugar como escola.
(9) (10): Mª Rosario Golmar Saavedra: Xesús Golmar Rodríguez, educar na virtude, no respecto e no amor á naturaleza (ver ligazón)
16/04/24
Notas musicais
Concerto da Banda das escolas mancomunadas en Friol |
Esta entrada xorde ao sermos coñecedores do concerto que a Banda das escolas mancomunadas de música de Rábade, Outeiro de Rei, Begonte e Friol, desenvolveu o pasado domingo día 7 de abril na praza friolesa de Andón Cebreiro con notable éxito.(As fotografías que acompañan esta entrada foron facilitadas por Melani Coedo).
O interese pola creación de bandas de música municipais e mesmo parroquiais no derradeiro terzo do século XIX e primeiro do XX propiciou con seguridade que o concello friolés tentase a creación da "Lira de Friol" banda que deu os seus primeiros pasos en abril de 1936.
O 18 e o 19 dese mes celebráronse unhas festas que serviron de estrea para a citada formación ( no Diario de Galicia "Alborada" de 16 de abril de 1936 dábase cumprida conta das festas organizadas con motivo da constitución da citada Banda).
Polo que intuímos deberon ser os primeiros pasos e tamén os últimos. Achegábase o golpe de estado franquista, a destitución da corporación municipal impulsora da posta en marcha da agrupación musical e entendemos que non foi posible continuala. (Non atopamos de momento máis referencias á Lira de Friol, mágoa!
As bandas de música eran un elemento fundamental nos tempos en que eran de necesaria presenza nas festas co protocolario pasarrúas que iniciaban as mañás festeiras. Pouco a pouco foron desprazadas polas orquestras ( menos numerosas e máis fáciles de desprazar). Resisten algunhas e estanse recuperando e creando outras. Esperemos que esta Banda das escolas de Rábade teña permanencia no tempo o que sería de agradecer para axudar a lle facer fronte a certos tipos de ritmos invasores e invasivos que agriden o bo gusto musical.
Nerea Cobas nunha das súas actuacións na TVG |
Gran Teatro ( La Voz de Galicia) |
Jesusín, nome artístico de Jesús Iglesias Torres, era un rapaz de dez anos que bordaba as cancións de Joselito, o seu ídolo, e en xeral calquera canción das chamadas "españolas".
Tal foi o éxito acadado que con ocasión da entrega de premios, digamos que como contraprestación ( tan usual naqueles tempos) levárono ata o Goberno Civil onde lles cantou ás fillas do propio gobernador (segundo recolle a prensa provincial).
O triunfo no Micrófono de Oro abría as portas , sobre todo aos gañadores a poder participar en diferentes festivais artísticos que ben a a propia Radio Lugo ou o citado Gran Teatro organizaban con relativa frecuencia.
03/04/24
Alcaldes frioleses do século XX
Casa do concello nos anos 60. Foto de J L Vega,.Arquivo Histórico Provincial de Lugo |
O século XX iniciouse con cambios continuos na alcaldía friolesa que xa fora nota característica das corporacións no XIX.
Esta situación de inestabilidade era debida unhas veces a destitucións por parte da autoridade gobernativa, outras a alcaldías accidentais, corporacións bicéfalas (1)... todo, produto dos intereses enfrontados duns e outros que chegaban mesmo a actitudes obstrucionistas, a continuos recursos de alzada que se prolongaban no tempo (2) e á actitude revisionista de cada corporación con respecto ao feito pola anterior (3).
No diario "El Regional" de 3 de novembro de 1901 ( cando xa Jacinto Rodríguez García e a súa corporación fora destituída - outubro dese ano- "por irregularidades na contabilidade municipal" e mesmo "abandono no control da mesma" e ían celebrarse novas eleccións) publica un solto que exemplifica a situación de enfrontamento na que participan todas as "forzas vivas" do concello con intereses encontrados:
"Nos dicen de Friol que las elecciones municipales se presentan allí muy reñidas. Con tal motivo, varias personas influyentes del distrito recorren las casa de los electores. Esto no tiene nada de particular, pero entre esas personas hay una que ejerce autoridad, la cual amenaza con la mayor persecución a los que él cree sus adversarios.
Confiamos en que dicha autoridad, en vista de esta queja de sus administrados, dejará de ejercer coacción, dedicándose sólo a administrar justicia, que es la misión que en aquel distrito tiene, sin mezclarse en la contienda electoral"
Por aquelas datas exercía como xuíz municipal Genaro González-Rosón Neira.
Polo que sabemos non só eran os xuíces municipais os que tomaban partido por uns ou outros; secretarios tanto do xulgado como do propio concello, non quedaban atrás, ( algún de xeito prolongado e destacado) sen esquecer, claro está, a opinión dos diferentes párrocos que desde os púlpitos impartían doutrina ( falaremos disto nunha proóxima entrada que temos pendente)
Neste clima Manuel Carballido Casanova volve ser alcalde, posto que ocupara xa anteriormente; falece exercendo como tal en outubro de 1902.
No ano 1903 é nomeado Ángel Martínez Neira (4) da parroquia de Xiá. Este alcalde é o que permaneceu máis tempo presidindo o concello ata ese momento, redondeando os vinte anos. Casado en segundas nupcias coa mestra Vicenta Puga, promoveu, xunto cos mestres e párrocos, festas da árbore ( ver ligazón). No verán do ano 1923 por motivos de saúde abandona a alcaldía progresivamente, sendo substituído en outubro polo mestre Celestino Gallego da parroquia de Guldriz, pero por pouco tempo, xa que en 1924 accede á alcaldía José Casanova Cobas.
Baixo o seu mandato construíuse o edificio do concello: o actual (ver entradas anteriores) o que xerou grande polémica que acabou co seu cese en xullo de 1928 por parte da autoridade gobernativa.(5)
Vaino substituír Segismundo Grande Varela ( aparece por primeira vez este home que vai asumir posteriormente a primeira alcaldía da ditadura en 1936 xa nos primeiros días do golpe de estado fascista). Nesta primeira andaina estivo no concello desde este 1928 ata o ano 1931.
En maio dese ano foi reposto como presidente da corporación José Casanova Cobas; pero as augas baixan revoltas Narla abaixo e o 1932 comeza co nomeamento de Domingo Antonio Carballido Casanova en xaneiro ( que tamén exercera anteriormente de xuíz municipal, cargo que volverá ocupar anos máis tarde), para posteriormente, en febreiro, e por renovación de parte dos concelleiros, estes novos deciden nomear a Jesús Corral Vigo.
Durou pouco esta bicefalia, pois no verán volveu coller Casanova Cobas as rendas do concello que xa non abandona ata o seu falecemento en marzo de 1935 (6).
O período que vai desde esa data ata xullo de 1936; o cargo asúmeo José Gonzalez-Rosón Losada.
No tráxico verán do 36 é destituída toda a corporación e expedientada con algunhas sancións gubernativas por parte das autoridades do novo réxime (7).
É o momento en que Segismundo Grande cos parabéns das forzas máis reaccionarias do concello volve á alcaldía; está no cargo ata mediados dos anos cincuenta, falece no 1960 (8)
Algún dos alcaldes frioleses do século XX |
Os anos 1956 e 57 é Enrique Camoiras García o que ocupa a alcaldía (tócalle presidir a inauguración do novo cuartel da Garda Civil - ver ligazón- ).
En outubro de 1957 nomean alcalde a Manuel Andón Cebreiro que preside o concello ata o seu falecemento en setembro de 1975. Cremos que non hai ninguén no concello que non lle recoñeza o grande labor que fixo e a súa bonhomía (ver entradas). Coma homenaxe a praza máis importante do concello leva o seu nome.
Vacante a alcaldía, ésta é ocupada polo, naquel momento, director do colexio friolés, Jose María Varela Guerreiro ata o ano 1979 no que se celebran as primeiras eleccións democráticas.
A partir dese momento (abril dese ano) falaremos noutra entrada
Listado de alcaldes do século XX
Notas
(1) Exemplo témolo no ano 1932 como xa quedou indicado.
(2) Os recursos de alzada por parte dos concelleiros destituídos estaban á orde do día. Sinalar que cando o cesamento de Jacinto Rodríguez non só se interpuxo o recurso senón tamén deu orixe a unha pregunta parlamentaria no Congreso por parte do deputado lugués Vázquez de Parga.
(3) As revisións do feito pola anterior corporación era o pan de cada día e enche actas das diferentes sesións municipais nos Boletíns Oficiais da Provincia
(4) Pai de Manuel Martínez Mendoza propietario fundador da Casa de Neira no Campo da Feira do concello e no seu momento xefe local do Movemento e mesmo xuíz municipal e posteriormente de paz.
(5) Dentro das tirapuxas entre os partidarios de Casanova e Grande, relata un comentarista anónimo do noso blog que "na casa de Terrón, no Campo da Feira, aínda se intúe unha pintada feita no 31, que poñía inicialmente: "CASANOVA NO" feita polos partidarios de Segismundo Grande. A pintada, outra noite, foi completada polos partidarios de Casanova que lle engadiron: "...PERDERÁ" modificando completamente o significado inicial da mesma."
(6) Nos anos do 1934 a xullo do 36 actúa con relativa frecuencia como alcalde accidental Manuel Grande Penas , ben por ausencias por enfermidade de Casanova ou por ausencia por atender asuntos na capital de Rosón Losada.
(7) Recomendable a lectura que a Friol dedica María Jesús Souto Blanco no seu traballo "La represión franquista en la provincia de Lugo (1936-1940)" amén de diferentes entradas sobre ese periodo neste blog.
(8) Sendo alcalde as propias autoridades franquistas de "Abastecimientos y transportes" sancionan a Segas (como era coñecido na vila) con unha multa de 5000 pesetas no ano 1940 por "compra y transporte clandestino de ganado" El Correo Gallego 31 de xaneiro de 1940.
A sanción só aparece publicada neste xornal santiagués e o certo é que non sabemos como acabou a cousa.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)