08 marzo 2009

O Santuario da Nosa Señora do Ermo, Carlín

A capela da Nosa Señora do Ermo, pegada á igrexa parroquial de Carlín e preto tamén da fonte coñecida como "da Virxe", é un santuario de vella tradición mariana.
O día 25 do mes de marzo, celébrase a festa da Virxe do Ermo. Previamente o día anterior trasládase a imaxe da Virxe á igrexa, onde se celebrarán varias misas e sairá unha procesión na que os homes levan a imaxe da Virxe do Rosario, sendo as mulleres as que portan á da Virxe do Ermo ( pequena imaxe de 40 cm de altura).
Son varios os rituais orientados a pedir a protección da santa: Ofréndanse exvotos representando animais ou as partes do corpo que se ofrecen.
Importante é o ritual de "poñer o santo": Unha persoa da parroquia cunha imaxe da Virxe na man fai unha cruz sobre a cabeza do devoto que bica a imaxe e dá unha esmola, mentres o que pon a santa recita:
"Santa bendita
che quite a enfermidade,
che dea a sanidade.
Pola gloriosa virtude de esta santa. Amén".
Algúns tamén pasan un pano pola imaxe para posteriormente pasalo pola cara e partes enfermas do corpo.
Da mesma maneira, devotos hai que se achegan á fonte a lavar as mans e a cara, ou beber dela e encher botellas para levar a auga a casa , evidentemente coa mesma finalidade protectora.
Un antigo párroco de Carlín, D. Ramiro, compuxo esta cantiga alá polo ano 1.950. Di así:
"No sé que tienen tus ojos
oh Virgen santa del Yermo !
son los ojos de una madre
que atraen a sus hijuelos.

No estés tan triste señora
que ya tus ojos no veo.
Los cubren sangrientas lágrimas
que te causan los blasfemos.

Vuelve al menos tu mirada
a los hijos de tu pueblo.
Queremos desde hoy amarte
queremos ser hijos buenos"

1 comentarios:

Friol

Na actualidade, os portadores das imaxes son indistintamente homes ou mulleres: Na procesión deste ano a Virxe do Ermo como manda a tradición foi portada polas mulleres e a Virxe do Rosario por tres mulleres e un home.
Puidemos observar tamén os exvotos e os cartos ofrecidos á Virxe na súa capela e como "poñían o santo", como algún romeiro pasaba o pano pola cara da Virxe do Rosario para despois pasar o pano pola súa fronte.
Como unha muller , seguro por unha promesa, daba unha volta completa a capela de xeonllos.
Moitos eran os que se achegaron á fonte para beber dela e mesmo lavar a cara, non vimos a ninguén coller auga para levar.
A procesión celebrouse ao remate da Misa Maior, --1 do mediodía-- saíndo a comitiva da igrexa, dando unha volta ao redor da mesma para despois dar outra volta á capela, deixando na mesma á virxe do ermo e continuar a comitiva ata recollerse na igrexa parroquial.
Segundo nos contaron o domingo seguinte á festa, e para facilitar a asistencia, tamén se din misas.
Rematados os actos litúrxicos, empezou a festa profana coa actuación dunha orquestra multicultural.
Estes datos foron incorporados o día 25 de marzo de 2.009 data da festa da virxe do Ermo

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.