04/10/10

Un carné do Centro Friolense de Bos Aires

Tentar escribir (ou mellor reescribir) a historia de Friol ten o seu aquel, pola incerteza que xera unha historia escrita a retallos polos seus protagonistas ou , o que é máis difícil aínda, polos fillos dos fillos dos seus fillos...  Ben entendedes!.
Que hoxe, día de San Francisco --santo que xerou  tantas incertezas dentro da Curia Vaticana do momento-- chegase ás nosas mans os documentos gráficos que ilustran esta entrada , non debe ser cousa de meigas, senón máis ben o encontro dun camiño trazado hai tempo coa xenerosidade dos nosos colaboradores-- que xa son moitos e ben dispares--
Que no primeiro terzo do s. XX aqueles frioleses que fuxiron da fame e chegaron a Bos Aires, Á Habana,... tentasen calmar a nostalxia dunha terra que non foi quen de soportalos -economicamente falando-- creando pequenas sociedades que lles ía permitir manter os vincallos coa terra, non deixa de ser fiel mostra de que os galegos esteamos onde esteamos, e pese a quen pese, seguimos sendo galegos capaces de tentar que as xeracións que veñen atrás nosa, teñan os recursos cívicos e educativos que algúns non tiveron a sorte de gozar.
Que os Centros levasen o rótulo de cívicos,instrutivos e recreativos indican ás claras o perfil dos seus dirixentes e dirixidos e as súas inquedanzas.
Desde aquí agradecer novamente a Horacio Vázquez Rivarola a súa colaboración , neste caso gráfica ; pois achéganos o carné de afiliado ao Centro Friolense do seu avó, o xa citado noutra entrada Romero Mª Vázquez Varela (documento do ano 1935)

 
Creative Commons License
Esta obra publícase baixo unha Licenza de Creative Commons.