José María Pérez Longarela no Museo de Lugo |
Foi o inicio dunha relación fluída coa Rede Museística Provincial que desde sempre facilitou grandemente as actividades que tiñamos previstas desenvolver baixo o paraugas de "Friol:algo máis que pan e queixo". Choveu algo.
Do inxente labor que está realizando a citada rede museística para integrar o mundo dos museos na contorna social e o aproveitamento dos seus recursos para desenvolver infinidade de proxectos nos que implicar a todo o tecido social, nada temos que engadir máis ca os nosos parabéns; basta con botar unha ollada á web dos museos e os seus muros nas diferentes redes sociais.
Un luxo para a provincia contar cun equipo de profesionais tan implicados e activistas con todo aquilo que ten que ver coa cultura no seu amplo espectro.
Pois ben , días atrás desenvolveuse no Museo Provincial de Lugo unha actividade na que volve estar presente Friol ( lembramos con cariño a participación do noso grupo de teatro na revista oral "O pazo das musas").
O museo invitou ao veciño de Cotá que sendo neno deu, ao se abrigar da choiva na Pena e Cova dos Malreiros ( na memoria do pobo) ou Merleiros, cun molde bivalvo hoxe no fondo do Museo.
Compartimos aquí a nova publicada en instagram pola rede museística:
Molde bivalvo de Cotá. Museo de Lugo |
Falamos de pezas de hai máis de 2.800 anos cunha función descoñecida. Quizais votiva, para faceren ofrendas, ou tal vez enxeñosa fórmula para acumular metal, é probábel que tamén se empregaran como moeda de cambio. Non se sabe.
Impórtanos que os machados chegaron a Galicia dende o arco Atlántico, Francia ou Inglaterra, e que, quen aquí viviron, desenvolveron a súa propia tecnoloxía para fundir cousas moi semellantes. Crearon moldes de fundición de bronce coma o que vedes. Moldes bivalvos para encaixar, verter a aliaxe de metal líquido, a uns 1.200 graos de temperatura, e producir machados en cadea, en serie, de entre 15 e 50 reutilizacións.
O Molde Bivalvo de Cotá, o único conservado en Galicia, está exposto no Museo Provincial de Lugo.
Xa figuraba sinalado como “artefacto curioso” na primeira guía do museo, editada o ano 1947.
Na Arqueoloxía resulta crucial o contexto físico das pezas atopadas. Na Historia social, e na memoria, tamén.
O molde foi achado o verán de 1944 no lugar da Pena, cabo do río Narla, na parroquia de San Martiño de Cotá, concello de Friol. Hoxe tivemos de visita ao neno que o descubriu hai 80 anos.
José María Pérez Longarela paseaba o gando Cotá adiante cando rompeu a chover. A tormenta de estío levouno a buscar acubillo baixo unha árbore. Fitou o chan e distinguiu un brillo. Coa mesma vara de lle afalar ás vacas sacou á luz o molde.
Ingresou no Museo naquel ano, a cambio de dez pesetas, pois, dixemos, os machados foron moeda de cambio, no Bronce Final e na Posguerra.
Nós quixemos corresponderlle ao vello que sendo neno levou o gando de excursión arqueolóxica.
Atopaches unha excepción de bronce, querido José María!
Grazas de corazón pola túa historia".
Participamos do agradecemento ao que sumamos ao Museo polas facilidades que nos deu para a publicación desta actividade no noso blog.
Grazas